A falta de diñeiro pospón a estrea internacional de Pérez no maratón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O Muíño só pode sufragar a viaxe de Lúa Cubiella a Moscú

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Náutico O Muíño de Ribadumia pasou en cuestión de 24 horas da alegría por celebrar a clasificación por vez primeira de dúas das súas padexeiras a unha cita internacional de maratón a ter que facer pública a renuncia dunha delas. O motivo, a falta de cartos cos que poder sufragar dúas pasaxes tan custosas como as que levan a un Campionato de Europa en Moscú no mes de xullo.

Desde a directiva do club ribadumiense estiman o gasto nuns 1.500 euros, entre a viaxe, a estadía, a manutención, as acreditacións e o pagamento da roupa, que a Real Federación Española de Piragüismo leva anos racaneándolles a aqueles deportistas que conseguen praza en barcos non financiados polo ente. Caso do C2 Xuvenil de Lúa Cubiella, campioa de España a pasada fin de semana en augas do Lérez, e á que O Muíño decidiu apoiar nesta ocasión, por tratarse da, subliñan, súa primeira participación nunha cita internacional coa licra de España.

Ademais, os responsables da entidade deportiva sinalaron que «tenemos que tener en cuenta que aún quedan por definir varias embarcaciones del equipo nacional de pista para el Europeo y el Mundial sub 23 y nos podemos encontrar también con alguna clasificación que haya que autofinanciar» como nos casos de Cubiella e de María Pérez. Esta última, especialista en pista, terá que pospoñer a súa estrea internacional no maratón logo de rematar segunda no selectivo do C1 curto e subcampioa de España do mesmo barco na distancia estándar. De feito, María Pérez aspira a facerse con algunha praza nas dúas citas de pista sub 23, no selectivo nacional programado para dentro de dúas semanas en Verducido.