O C.D. Ribadumia busca presidente desde xa tras rematar mandato Toño Serantes

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Pablo Penedo

O primeiro directivo pecha os seus catro anos cunha carta aberta de agradecemento a toda a familia aurinegra

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A xunta directiva do C.D. Ribadumia abriu na noite do luns o prazo de presentación de candidaturas á presidencia do club, logo de concluír os catro anos de mandato do actual ocupante do cargo, Toño Serantes. Os nomes dos interesados serán votados na asemblea xeral que a entidade deportiva prevé convocar o vindeiro mes.

Serantes acompañou a apertura do proceso electoral cunha carta aberta e pública, na que aproveitou para amosar o seu agradecemento aos seus compañeiros de directiva nestes catro anos, aos socios do club, aos seus patrocinadores, coa firma CREYCO á cabeza e para manifestarse «moi orgulloso do grupo humano que conforman os técnicos e xogadores, tanto do primeiro equipo como da escola de fútbol» do Ribadumia. Fíxoo lamentando a parálise polo covid-19 da escola e da Copa Ribadumia, pero amosando a súa satisfacción pola histórica estrea na Copa do Rei, ante todo un Cádiz.