O Asmubal optará a organizar a fase co apoio do Concello

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O goberno local achega 3.630 euros e o club rexistrará a candidatura a vindeira semana

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Asmubal Meaño e o goberno local semellan ter posto punto final á guerra que mantiveron ao longo de toda a tempada, coa entidade deportiva facendo público en máis dunha ocasión a través dos medios de comunicación o seu malestar polo que entendían era unha falta de apoio municipal á súa actividade. O xoves a presidenta do club, Silvia Lobato, saíu da súa reunión coa concelleira de Deportes, María Estévez, coa confirmación de que o Concello achegará 3.630 euros para que o Asmubal poida organizar a fase de ascenso á Primera Nacional que o seu equipo masculino disputará os días 4, 5 e 6 de xuño.

Con estes cartos, o Asmubal cubre a metade dos 7.000 euros cos que como mínimo deberá acompañar a súa solicitude de organización da fase ante a Real Federación Española de Balonmano. Unha petición que rexistrará, informa Silvia Lobato, a comezos da vindeira semana. Con todo, tocará agardar ata finais do presente mes, dado que o prazo de presentación de candidaturas á organización dos diferentes sectores non finalizará ata o día 24.

Desde o goberno local de Meaño fíxose fincapé onte «no compromiso e respaldo do Concello co Asmubal», materializado esta tempada, sinala María Estévez, con partidas que suman algo máis de 18.000 euros e que inclúen 5.000 euros de subvención directa ao seu primeiro equipo feminino, que competiu na División Honor Plata.