Seis padexeiros arousáns pelexan hoxe polas primeiras prazas na selección de maratón

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Diego Romero e Tono Campos parten como favoritos a copar as dúas prazas no C1 curto para o Campionato de Europa

07 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O río Lérez ao seu paso pola cidade de Pontevedra é desde hoxe e ata o domingo o escenario do que se serve a Real Federación Española de Piragüismo para peneirar os integrantes da súa selección na primeira gran cita da modalidade de maratón en dous anos, o Campionato de Europa, do 8 ao 11 de xullo en Moscú. O selectivo divídese en dúas partes. A primeira, na tarde de hoxe, con probas específicas das que sairán os dous padexeiros por proba na distancia curta, limitada a barcos individuais e de categoría absoluta. E entre mañá, sábado, e o domingo, empregando as finais do Campionato de España de Maratón para decidir o nome dos titulares das dez embarcacións séniores e sub-23 que acudirán á capital rusa na distancia estándar.

Son seis os arousáns que figuran nas listaxes de aspirantes ás oito prazas individuais nas probas curtas do Europeo. Cos vixentes campión e subcampión do Mundo, os breoganistas Diego Romero e Tono Campos, como grandes favoritos a facerse cos dous billetes no C1, aos que tamén optan os canoístas das Torres-Romaría Vikinga Diego Miguéns e Fernando Busto nun barco con media ducia de candidatos. José Barreiro, compañeiro destes dous últimos, optará a praza no K1 masculino, a modalidade con máis noivos, doce. María Pérez, do Náutico O Muíño, habitual na selección española de pista, aspira a estrearse a nivel internacional no piragüismo de fondo no C1 feminino.

Todos competirán tamén polos títulos nacionais e as prazas europeas na distancia estándar no Campionato de España. Aquí xa con máis arousáns compartindo meta, como a breoganista Tania Álvarez, gran favorita xunto a Tania Fernández (K. Tudense) no K2 feminino na súa condición de vixentes bicampioas de Europa e do Mundo.