Veloso coprotagoniza a fuxida da primeira xornada da Volta ao Algarve

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Deron guerra ata a falta de 20 quilómetros para a liña de meta en Malhão

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía a semana pasada Gustavo César Veloso que enfocaba a súa participación na 47ª. Volta ao Algarve pensando en sumar quilometraxe a unhas pernas con tan só dúas carreiras previas esta tempada e en axudar da mellor maneira posible a aqueles compañeiros do Atum General/Tavira/Maria Nova Hotel en mellor estado de forma neste inicio de curso. Pode que este sexa o seu cometido nas catro últimas etapas da rolda lusa. Pero onte, na xornada inaugural, o vilagarcián empeñouse en ser un dos protagonistas do día.

Fíxoo participando na demarraxe que marcaría o groso da etapa desde que no quilómetro 11 do camiño entre Lagos e Malhão se apuntou á aventura xunto co tamén galego Carlos Canal (Burgos-BH), o vasco Jon Irisarri (Caja Rural-Seguros RGA) e os lusos Hugo Nunes (Rádio Popular-Boavista) e Cesar Nicolás Paredes (Louletano). Este último foi atrapado polo pelotón no quilómetro 41. Pero Veloso e o resto deron guerra ata a falta de 20 quilómetros para a liña de meta en Malhão, cando o pelotón, comandado durante toda a etapa polo equipo belga Deceuninck-Quick Step, cumpriu co seu papel a fin de preparar unha chegada masiva. Un traballo que coroou o seu velocista, Sam Bennett, coma vencedor e primeiro líder da carreira.

Feito o seu labor, Veloso entrou xunto a Canal a 2,23 do gañador, nun pelotón no que finalmente non saíu o cambadés do Mortágua, Ángel Sánchez. Hoxe os 173 integrantes da carreira cobren os 182,8 quilómetros entre Sagres e Fóia, o punto máis alto da rexión do Algarve.