Un caso de covid-19 no Somozas podería retrasar 14 días o desenlace do ascenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os precedentes aventuran dúas semanas de aprazamento

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecer o nome do terceiro equipo galego que acompañará o C.D. Arenteiro e mais o Bergantiños F.C. á Segunda División R.F.E.F. de nova creación ten pinta de estar a piques de demorarse ata o segundo domingo de xuño. Na noite do luns confirmouse o contaxio por covid-19 dun integrante do corpo de xogadores do Somozas. Un caso que obrigou ao confinamento tamén de todos os seus compañeiros, que onte empezaron a ser sometidos ás correspondentes probas PCR para esclarecer se se trata dun único contaxio ou de varios no vestiario do equipo que este domingo debería visitar o Campo Municipal da Lomba para pechar ante o Arousa a segunda fase do campionato de Terceira.

A previsión na Real Federación Galega de Fútbol era que o Comité de Competición tratase a situación onte pola noite. Con todo, resultaría sorprendente que o órgano variase o contido da resolución que veu repetindo unha e outra vez ante contaxios por covid-19 nos equipos de Terceira esta tempada. Unha resolución substanciada no aprazamento de calquera compromiso do equipo afectado nas dúas fins de semana seguintes á do descubrimento do caso de infección por coronavirus. E é que o protocolo fixado polas autoridades sanitarias da Xunta para estes casos fixa dez días de confinamento domiciliario, con final ás portas dunha fin de semana, cos equipos precisando dun mínimo dunha semana para reactivarse.

A cuestión é que, por tratarse da derradeira xornada, e co Arousa xogándose o terceiro posto co Polvorín, é probable que a Federación aprace os partidos de ambos dúas semanas e, con eles, as tres xornadas da promoción de ascenso.