Veloso e Sánchez inician unha Volta ao Algarve con media ducia de equipos World Tour

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Por diante, cinco etapas. A primeira, hoxe, con 189,5 quilómetros entre Lagos e Portimão

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O calendario de competición dos dous ciclistas profesionais de Arousa, o vilagarcián Gustavo César Veloso (Atum General/Tavira/Maria Nova Hotel) e o cambadés Ángel Sánchez Rebollido (Tavfer-Measindot-Mortágua) pega esta semana un acelerón, coa participación de ambos os dous na 47ª. Volta ao Algarve. Unha proba de categoría 2.Pro UCI que desde hoxe reúne un pelotón de 247 corredores de 25 equipos. Deles, seis da máxima categoría, a World Tour: UAE-Team Emirates, liderado polo luso Rui Costa, AG2R Citroën, con Julien Duval á fronte, Bora, con Pascal Ackermann coma xefe de filas, Deceuninck, con Shane Archbold primeiro na súa lista de inscritos, Groupama-FDJ, liderado por Davy Clément, e o Ineos Grenadiers, encabezado por Leonardo Basso. Ademais, compiten cinco equipos profesionais continentais, cos galegos Carlos Canal (Burgos-BH) e Delio Fernández (Delko) nas súas filas.

Por diante, cinco etapas. A primeira, hoxe, con 189,5 quilómetros entre Lagos e Portimão e a última, o domingo, de 170,1 entre Albufeira e o alto de Malhão. Veloso, que correu o domingo a súa segunda carreira da tempada, a Clássica da Arrabida, e os seus compañeiros de equipo a bo seguro se farán ver na terceira etapa, a máis longa, con 203,1 quilómetros con saída en Faro e chegada a Tavira, sede do Atum General.