Música e exposicións para lembrar a obra de Xela Arias no Día das Letras Galegas

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CONCELLO

Clara Pino e Pablo Vidal abren o programa de Vilagarcía

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A obra de Xela Arias está para quen a queira coller. E quen a colle gozará dela. A vida de Xela Arias é algo que andamos a descubrir e algo do que os vilagarciáns poderemos saber un chisquiño máis este venres. O venres, que é o día no que arrincará o programa deseñado polo Concello de Vilagarcía para conmemorar o Día das Letras Galegas, que comezará cunha sesión moi especial no auditorio. Chámase o asunto «Irás, virás, dirás» e nel Clara Pino lembrará a súa etapa universitaria, que compartiu con Xela. Compartiu de xeito extremo, porque formaba parte do círculo íntimo de amigas. Clara contará a todos aqueles que se acheguen o auditorio anécdotas daqueles anos, sempre para lembrar, e tamén cantará, con Pablo Vidal no piano. Ambos prepararon versións de varios poemas de Xela, que formarán, evidentemente, unha parte principal do menú deste venres. A entrada no auditorio será de balde ata completar o aforo. Non haberá que reservar a praza previamente, só achegarse ata alí. A cita, o venres, as 20.30.

O concerto, máis que concerto experiencia, de Clara Pino e Pablo Vidal será o primeiro prato do extenso menú que ten preparado o Concello de Vilagarcía para o Día das Letras galegas. Non foi doado argallar o asunto, seguro, porque a intención da concellería de Cultura é que a xente poida participar nas actividades e iso non é doado coa que segue a caer. Pero argallouse algo. Argallouse moito o propio 17 de maio, con Carril como punto de encontro. Alí, soarán as gaitas dende as once da mañá co grupo Malveiras. E, ás doce, será a inauguración da exposición «Sueños», de Ramón Bascuas, no Gato Negro. Logo (12.30), a ofrenda floral a Rosalía de Castro, e, ás 13.00, a presentación do cedé que prepararon Loli Crespo e Alejo Amoedo. Unha escolma de autores e compositores galegos, versionados en zarzuela. Como din dende o concello, «un concerto idóneo para a celebración de autores e compositores que deron luz a este rico repertorio».

Haberá máis. O mércores 19 é o turno do cinema. Será ca proxección de Lúa Vermella no Salón García ás 20.30 e cun coloquio no que estará algún representante do equipo técnico e artístico do filme. Neste caso si que haberá que reservar praza na páxina web do cine clube Ádega.

Para rematar a programación que preparou o Concello de Vilagarcía para o Día das Letras Galegas, a antesala da biblioteca municipal acollerá o sábado a exposición «Aquela nena de Sarria». Son doce paneis e unha serie de fotografías nas que se debulla a querenza de Xela Arias por Sarria e polo seu idioma.