Lara Lois, segunda en Sabiñánigo e na xeral do Open de España XCO

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CRIS CASAL

A grovense rematou a 30 segundos da nova líder

04 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Excelente resultado o conseguido pola grovense Lara Lois o pasado domingo na segunda proba do Open de España de XCO, a modalidade olímpica do BTT. A biker do Extol MTB Team de Lalín rematou segunda no trazado de Sabiñánigo, un circuito de 4.750 metros dividido en catro voltas con 252 metros de desnivel, que contaba con subidas esixentes e zonas moi técnicas nas que a meca conseguiu atravesar segunda a liña de meta en 1.28.06, a 30 segundos catalana Meritxel Figueras (MMR Factory Racing Team, 1.27.36). Áurea Ruíz García (Kross Team España) completou o podio elite e sub-23 feminino xa a 1.20 da ciclista galega (1.29.26).

Chamado a ser un duelo entre Figueras e Lois, Figueras, que o día anterior competira na Copa Catalana, marcou pronto o ritmo da carreira. Mediada a proba, foi ampliando a súa diferenza sobre as súas catro perseguidoras, entre as que comezou destacar Áurea Ruíz. Pero Lara Lois foi quen de atopar o seu ritmo, e indo de menos a máis, atrapou a esta última antes de iniciar o xiro final e marchar en solitario para entrar tras Figueras e acompañala na zona nobre da clasificación do Open de España de XCO tras a súa actualización ao remate da proba de Sabiñánigo. A catalana é líder con 296 puntos, polos 239 da biker meca, seguida de Áurea Ruíz, terceira con 223.

Este é o segundo podio nacional da tempada de Lara Lois, logo do seu terceiro posto na proba de apertura do Open de España de BTT Maratón, a Scott Marathon Cup BTT de Cambrils, o pasado 11 de abril.