Do Salnés, Patrimonio Mundial

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISERMÓNICA IRAGO

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co lema Cidade de Ferrol, porto da Ilustración, esa cidade está a defender a súa candidatura para ser declarada Patrimonio Mundial. Con esa finalidade, días pasados tivo lugar unha conferencia na que interveu a profesora da UDC Santos Pinta, quen deu unha lección maxistral e amena arredor da lexislación de protección do patrimonio cultural, facendo ver a transversalidade desa normativa e demostrando que o respecto ao patrimonio cultural aparece en tódalas leis relacionadas co territorio. Resaltou como clave nesta materia a coordinación das diferentes Administracións entre moitos motivos, para o cumprimento do que a Convención da Unesco sobre a protección do patrimonio mundial, cultural e natural de 1972 obriga, impón, ordena a tódolos Estados asinantes, ao establecer que «cada un dos Estados partes da presente convención recoñece que a obriga de identificar, protexer, conservar, rehabilitar e transmitir ás xeracións futuras o patrimonio natural e cultural situado no seu territorio, incúmbelles primordialmente. Procurarán actuar con ese obxecto polo seu propio esforzo e ata o máximo dos recursos de que dispoñan e, chegado o caso, mediante a asistencia e a cooperación internacionais das que se poidan beneficiar, sobre todo nos aspectos financeiro, artístico, científico e técnico».

Para alcanzar ese obxectivo é preciso, como recalca a profesora Santos Pita, un traballo coordinado entre diferentes sectores e Administracións, como están a facer en Ferrol, por razóns de viabilidade e porque o patrimonio cultural é común, universal. O conxunto do patrimonio cultural do Salnés -Armenteira, Fefiñáns, Cálago, Alobre, Rubiáns, Cambados, Lanzada, Xidoiros, San Vicente, etcétera- tamén ten a posibilidade de chegar a ser Patrimonio Mundial. Goza da enorme vantaxe de dispor xa de declaración de interese natural -cfr. Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira e tódalas demais normas de protección complementarias-. Esta comarca é un territorio pouco extenso, ten extraordinario interese patrimonial, natural, antropolóxico, cultural, artístico -hai restos megalíticos, arte románica, barroca, pacega, de todo- para ser incluído nesa lista da Unesco ou, simplemente, para expoñelo e valoralo como conxunto. Imaxinen só a potencialidade concentrada na parroquia de San Vicente do Grove: a enseada do Carreiro-Adro Vello con restos subacuáticos, castros, factorías de salga, o xacemento prerromano, romano, suevo, medieval; a enseada de Moreiras con vestixios romanos, da salga e con dous regatos con vinte muíños de auga, para a que a Asociación de Amigos das Salgadeiras ten solicitada a declaración de Conxunto Histórico; praias, paisaxe.

Esa necesidade de protección transcende os medios e as obrigas da división en concellos e atinxe á totalidade das Administracións públicas porque, sendo evidente que a consideración do Salnés como Patrimonio Mundial non é un soño inalcanzable, non pode partir unicamente da boa vontade fraccionada de cada un dos febles municipios que a conforman e de cadansúa Administración amiga. É deber legal e necesario que a Deputación, a Xunta, o Estado, ata coa axuda da UE, todos a unha, dedican cumprir co que esixe a citada Convención da Unesco de 1972 e coordinen esforzos para conseguir que esta comarca poida ser incluída como Patrimonio Mundial. Só o proceso de estudar, inventariar e rehabilitar sería importantísimo. O reto é asumible; requírese vontade, sensibilidade, unión, fondos, esquecerse de utilizar o patrimonio como arma política e, sobre todo, liderado.