O C.D. Ribadumia defende a recente conquista dunha praza segura no feudo do Paiosaco

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

É o terceiro partido en nove días que disputa o equipo arousán

02 may 2021 . Actualizado a las 11:39 h.

Terceiro partido en nove días o que esta tarde disputa desde as cinco o C.D. Ribadumia no Campo Porta Santa, feudo da U.D. Paiosaco-Hierros. Coa confianza que lle proporcionaron aos homes de Luis Carro os dous últimos triunfos. Tanto pola entidade dos rivais vencidos, o C.S.D. Arzúa (3-0) e unha Agrupación Estudiantil (2-0) cun dos mellores cadros de futbolistas da fase de permanencia na Terceira pese á súa delicada situación, como polo feito de que con estes 6 puntos encadeados o conxunto aurinegro saíu da zona de descenso, ocupando o cuarto e último posto seguro cos mesmos 35 puntos có Viveiro, quinto na táboa.

A U.D. Paiosaco-Hierros aparece no polo oposto, virtualmente descendida con tan só 16 puntos. De feito, hoxe o C.D. Ribadumia pode certificar a caída á Preferente do seu anfitrión se é quen de gañar na Porta Santa. Pero a cousa non será, nin moito menos, doada, conta o adestrador arousán.

Así, Luis Carro debuxou un rival de grandes calidades: «É un equipo moi atrevido, con moitos recursos, ben traballado, con puntos por debaixo do que merece; fai moitas cousas ben». E aos datos se remite: «Só perdeu tres partidos no seu campo esta tempada».

A semana pasada, sen ir máis lonxe, o Paiosaco púxose 1-3 no campo do Couto, para acabar perdendo 4-3 a mans da U.D. Ourense tras viaxar con tan só dous homes de refresco, apunta Luis Carro. Que non teña nada que perder faino, di, máis perigoso inda.