EU denuncia a privatización do mantemento e da limpeza dos parques infantís do Grove

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O contrato que prevé o goberno socialista prolongarase durante dous anos

30 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No último pleno da corporación municipal do Grove, na quenda de rogos e preguntas, o goberno local socialista informou de que «o mantemento dos parques infantís e elementos biosaudables pasará a ser realizado por unha empresa privada». Nestes momentos, está aberto o prazo de presentación de ofertas para facerse cun contrato valorado en 29.040 euros e que terá unha duración de dous anos, que poderán prorrogarse. A apertura de ofertas será o primeiro xoves de maio.

Desta información deu conta onte Esquerda Unida, a través dun comunicado asinado polo seu voceiro, José Antonio Otero. Afirma este que estamos diante «dunha nova mostra do que este goberno leva facendo en detrimento dos servizos públicos do noso concello dende que tomaron as rendas do noso municipio, externalizando o maior número de servizos». Segundo recalca, xa no pasado mandato se privatizou o servizo de limpeza de edificios públicos, e «este ano atopámonos cun formato de privatización encuberto nas pistas de pádel, cando en lugar contratar persoal, ou formalizar as prazas, pasaron a prestar o servizo a través de autónomos». «Agora tócalle ao servizo de mantemento de parques infantís e elementos biosaudables, pero auguramos que non será o último», sostén o voceiro da formación esquerdista.