Mariscos Antón Cortegada, novo nome do equipo de Liga Femenina 2

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O club agradécelle á firma de Muros un patrocinio que blinda a continuidade do proxecto vilagarcián

29 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro equipo da Agrupación Deportiva Cortegada vén de cambiar a súa nomenclatura deportiva para pasar a chamarse Mariscos Antón Cortegada. Un cambio que se reflectirá a nivel de competición na vindeira edición da Liga Femenina 2, na tempada 2021/22, logo de que a propiedade do grupo empresarial do municipio coruñés de Muros decidira ampliar o seu apoio ao club vilagarcián, iniciado neste curso que está camiño de rematar. Cun aumento na súa contribución ao orzamento do Cortegada que sumará ao logotipo da firma, incluído na última versión do equipamento co que o equipo de Javier Nogueira acabou revalidando a súa praza na LF2, o propio nome de Mariscos Antón ao do conxunto arousán.

A directiva da A.D. Cortegada non quixo entrar no detalle monetario, sinalando que a cantidade final do patrocinio de Mariscos Antón está pendente inda de redondear nunha próxima xuntanza entre ambas as dúas partes. O que si quixo manifestar o club, a través do seu voceiro, José Gorgoso, é «o noso agradecemento a esta empresa, porque é unha empresa importante e é de Muros e vennos apoiar a Vilagarcía. Grazas ao seu patrocinio podemos seguir». Dito o cal, o directivo reitera o discurso dos responsables da A.D. Cortegada desde que a finalización do patrocinio de Extrugasa o obrigara a renunciar á súa praza na Liga Femenina, hai xa máis de dez anos: Vilagarcía debe arrimar o ombreiro se non quere espertar un bo día sen un equipo de baloncesto en categoría nacional.

Así as cousas, Gorgoso declara que co patrocinio de Mariscos Antón, o primeiro do que goza o buque insignia do Cortegada desde a conclusión ao final da tempada 2017/18 do proporcionado por Kemegal, o club «agarda poder mellorar o cadro de xogadoras», pero sen lanzar as campás ao voo. Sobre todo, antes de saber se o club terá que volver afrontar unha partida de gastos de desprazamento tan elevada como a desta última tempada, con dúas viaxes ás Canarias e varias a Euskadi, a Navarra e a Estremadura.

Todo fai pensar que así será, unha vez se materialice a prevista nova categoría de 14 ou 16 equipos entre a Liga Femenina e a LF2 e que devolverá a esta última a dous grupos de 14 como era tradicional, fronte aos tres do presente curso. Unha vez se concrete este punto, sabedores de que o número de rivais galegos se reducirá polo regreso do Baxi Ferrol á elite e polo salto do Celta á nova división intermedia, a directiva do Cortegada poráse a traballar na confección do vestiario vilagarcián. Xa co corpo técnico pechado, cuestión esta última que no club confían poder pechar a vindeira semana coa renovación de Javier Nogueira e todos os seus axudantes.