O Ribadumia pon esta noite en orde o seu calendario coa visita do Estudiantil

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os dous equipos mídense na Senra a partir das 20 horas

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite volve o fútbol entre semana ao céspede da Senra. Unha circunstancia repetida na presente tempada. Polo feliz fito da estrea do C.D. Ribadumia na fase final da Copa do Rei, no mes de decembro, e despois, pola necesidade de recuperar partidos por casos de covid-19 na primeira fase da Liga de Terceira. Este último suposto é o que leva a partir das 20 horas a vestirse de curto os homes que dirixe Luis Carro, para un partido coa Agrupación Estudiantil que debería de terse disputado o pasado día 11 e aprazado por contaxios polo coronavirus no conxunto visitante.

Os números deberían situar o Ribadumia coma claro favorito ao triunfo hoxe. Quinto clasificado con 32 puntos, os de Luis Carro están en disposición de igualar o Viveiro, o equipo que desde a cuarta praza na táboa ocupa neste momento o primeiro asento libre da condena á Preferente Galicia na liga pola permanencia ao termo da presente campaña. O Estudiantil figura pola súa parte oitavo con 24 puntos.

O adestrador do C.D. Ribadumia advertía pola contra que o seu rival desta tarde nada ten que ver co de boa parte das xornadas da primeira fase da Terceira, reforzado con xogadores do nivel dos exarousistas Catú, Manu Rodríguez ou Antón Vilas. Un adversario rochoso, que aposta por un sólido fútbol directo. Miguel e Fandiño volven ser as baixas no cadro local.