O Asmubal aspira a vivir na casa un ascenso histórico a Primera Nacional

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Asmubal

O club busca 7.000 euros para organizar o sector tras gañar a liga galega e adianta tamén que se a Federación Española lle volve ofrecer praza, sairá de novo en D.H. Plata Femenina

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño vén de conseguir o pasado domingo o maior éxito da súa sección masculina. Cun triunfo do máis esixente, 25-28, sobre o Poio Artai na sexta e derradeira xornada da fase polo título de campión da Liga de Primeira Autonómica Masculina. Unha vitoria que lle permite, cos mesmos 13 puntos có Balonmán Culleredo, segundo, conseguir a praza galega directa na vindeira fase de ascenso á Primera Nacional, a categoría de bronce do balonmán masculino español. A mesma na que ata hoxe tan só se estreou un club arousán, aquel Rasoeiro con Kito Parada coma líder no campo e na banda.

A presidenta do Asmubal, Silvia Lobato, cualificou de «hito para o club» non xa a presenza na fase de ascenso, que se disputará entre o 4 e 6 de xuño, senón o título autonómico, nunha categoría á que Meaño voltaba esta tempada. Dous éxitos que, di Lobato, «poñen de novo no mapa» a localidade do corazón do Salnés.

A transcendencia do conseguido leva a entidade deportiva a querer dar un paso máis e «tentar pedir que a fase se xogue en Meaño» aproveitando a súa condición de cabeza de serie como campión de Liga dun dos seis grupos de catro equipos que pelexarán polo salto de categoría. A cuestión é que «a elección das sedes é mediante unha poxa, na que hai que poñer un mínimo de 7.000 euros» con destino ás contas da Real Federación Española de Balonmano, explica a presidenta do Asmubal.

A fin de reunir os cartos precisos, e contando con que a decisión do reparto das sedes da media ducia de sectores se dilucide arredor da terceira semana de maio, Silvia Lobato ten previsto reunirse a vindeira semana co goberno local para coñecer o seu grao de implicación á hora de converter Meaño nun dos epicentros do balonmán de categoría nacional durante tres días.

En paralelo, o club buscará vías alternativas de financiamento, continuando coa venda de queixos que iniciou en decembro como iniciativa ante a caída dos ingresos toda vez que esta tempada non pode dispoñer nin da cantina ni apenas das rifas, e que a entrada aos partidos é gratuíta polo seu convenio de uso do Pavillón Municipal de Coirón co Concello. Un bo mecenas privado semella indispensable para poder soñar cun ascenso histórico na casa.

Quérese repetir en Prata se a Federación volve ofrecer praza

Un día antes da celebración do equipo sénior masculino, o Asmubal Meaño consumaba o seu descenso a Primeira Autonómica Feminina cunha agardada derrota ante o poderoso Rodríguez CLEBA de León na derradeira xornada de Liga da División Honor Plata Femenina: 25-34. Con 13 puntos, as de Juan Manuel Costas completaron as 26 xornadas como peor antepenúltimo clasificado dos catro grupos da categoría, cos dous peores acompañando os dous últimos de cada conferencia no descenso.

Con todo, a presidenta do Asmubal fai un balance positivo da tempada do cadro sénior feminino: «Na primeira volta non houbo esa conexión necesaria no equipo. Pero na segunda o equipo deu razóns máis ca suficientes para confiar nel. Pero tivemos tres baixas, o cadro de xogadoras quedou moi curto, e houbo moitos partidos aprazados polo covid-19 que houbo que xogar no Nadal, en marzo e na Semana Santa, co que as xogadoras non tiveron descanso».

Así as cousas, Silvia Lobato adianta que «se a Federación nos volve ofrecer praza como a tempada pasada -non antes de xuño- e se contamos co actual equipo, e estamos traballando niso, diremos que si». Porque, engade, «debemos seguir apostando polo deporte feminino en Meaño; somos un referente na comarca».