Romero, Fontán e Pérez acoden ao selectivo para o Preolímpico

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RFEP (Cedida)

Os tres canoístas asumen a dificultade de facerse con praza

20 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde a mañá de hoxe martes ata a tarde do venres o encoro asturiano de Trasona acolle un selectivo múltiple destinado a decidir o nome dos integrantes da selección española absoluta de piragüismo nas grandes citas de esprint da presente tempada. Unha vez cancelado a pasada fin de semana o Europeo previsto para xuño en Duisburgo, Alemaña, e máis aló do Mundial de Distancias non Olímpicas, o principal foco de interese está en coñecer se o tomiñés Roi Rodríguez e o catalán Albert Martí conseguen ser alternativa a Francisco Cubelos e Íñigo Peña no K2 1.000 que España ten xa asegurado nos Xogos Olímpicos de Tokio, e descubrir que padexeiros gañan o dereito a tentar pelexar para o equipo hispano novas prazas na cita nipona a través do Preolímpico de mediados de maio, nos días previos á Copa do Mundo en Szeged, Hungría.

Entre os aspirantes a esta última misión figuran tres canoístas arousáns. O xa curtido Diego Romero (Breogán), que no anterior ciclo olímpico quedara a un posto de conseguir o billete para o C1 1.000 nos Xogos de Río de Janeiro, cuarto na final do Preolímpico Europeo. E os padexeiros do Náutico O Muíño de Ribadumia María Pérez e Manuel Fontán, os dous inda en idade Sub-23.

O primeiro en entrar en acción será Manuel Fontán. Faráo mañá, na final directa do C2 1.000. En parella co cangués do Breogán do Grove David Barreiro, compañeiro no grupo de canoístas masculinos Sub-23 que están a traballar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra baixo a dirección de Daniel Costa. Fontán e Barreiro parten sobre o papel como alternativa máis sólida ao dúo do Piragüismo Poio formado por Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, os grandes dominadores do C2 1.000 en España neste ciclo olímpico a piques de concluír e que no Mundial do 2019 remataran quintos na final B.

Fontán, que como Sub-23 ten este ano como grande obxectivo o Mundial da súa categoría de idade, padexará tamén pola praza no C1 1.000 no Preolímpico. Un barco con 19 aspirantes en Trasona, o que obrigará á disputa de semifinais na tarde de mañá para peneirar os nove finalistas na mañá do xoves. Esta é a proba á que opta novamente Diego Romero. Con todo, e despois de parar medio ano pola pandemia centrado no seu traballo como soldado do Exército na Brilat en labores de desinfección de residencias e de instalacións públicas, o breoganista confesa que «non chego ben» ao selectivo. «Non estou andando o que debería de andar. O ano pasado ía mellor. Non sei se é pola idade, que vou facer 31, ou porque parei tanto tempo», declara. Baixo a dirección técnica de Daniel Costa no CGTD as dúas últimas tempadas, Romero sinala que acode a Trasona «coa mentalidade de facelo o mellor posible, baleirarme e o que teña que saír, sairá». Regresar á elite do maratón mundial tras a cancelación do programa internacional no 2020 encabezará a súa axenda se a vía olímpica, tal como parece temer, se lle pecha esta semana.

Pola súa parte, a cambadesa María Pérez, que como o seu compañeiro no Muíño Manuel Fontán subliña en vermello este ano a consecución da internacionalidade Sub-23, sairá no selectivo absoluto nas probas individuais e de barco dobre de 200 e de 500. No C1 200 e no C2 500, na procura do Preolímpico, recuperando a pontevedresa María de la Peña como parella tras padexar xuntas o Europeo e Mundial xuvenís do 2018.