O Ribadumia volve á competición ante o anfitrión máis sólido da Liga, o Viveiro

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

AROUSA

XOAN A. SOLER

Os adestradores dun e doutro equipo consideran que o seu enfrontamento anterior esta tempada, na previa pola previa da Copa do Rei, non serve coma referencia para o choque de hoxe

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Reengancharse á competición minimizando os efectos secundarios adversos de ter vivido unha semana de parón técnico na Liga. Este é o obxectivo do C.D. Ribadumia no desprazamento que esta tarde o leva ao campo de Cantarrana para medirse ao Viveiro C.F. a partir das 17.30 horas.

Tras non poder disputar o seu encontro da segunda xornada da Liga pola permanencia na Terceira División do domingo pasado, ao atoparse a Agrupación Estudiantil con casos de contaxio por covid-19 entre o seu cadro de xogadores; o conxunto que dirixe o vilanovés Luis Carro mídese ó equipo máis sólido do grupo como local. Con 22 dos 32 puntos no seu haber quedando en Cantarrana, onde o Viveiro leva rexistradas sete vitorias, un empate e catro derrotas esta tempada. 32 puntos que lle valen aparecer empatado no alto da táboa co Arzúa, se ben con tan só 3 puntos sobre o primeiro equipo que, de rematar hoxe a competición, descendería xunto cos sete por debaixo del á Preferente. E ese equipo é o C.D. Ribadumia.

O adestrador do cadro arousán, Luis Carro, declaraba onte sobre o parón forzoso da fin de semana anterior que «o tentamos xestionar da mellor maneira posible» e deixou claro que dita circunstancia «non nos pode valer para buscar escusas».

Sen Pablo nin Miguel Vázquez, lesionados, nin Óscar Iglesias, por sanción, Luis Carro recupera para o partido de hoxe a outros dous homes importantes coma son Fran Fandiño e Paco. Faino sabendo que o C.D. Ribadumia precisará de todos os recursos ao seu alcance para poder superar a un Viveiro que sobresae, salienta o técnico visitante, por contar con «futbolistas de moita pegada, explosivos e moi rápidos», potenciados pola presenza no once mariñán doutros homes que «xogan por dentro sabendo asociarse».

A vitoria ribadumiense, na quenda de penaltis da fase para a clasificación para a previa da Copa de Rei, serviulle a Luis Carro para «ver que o Viveiro é un equipo de moito potencial». Pola súa parte, o seu homólogo no cadro local, Chusky, que recupera a Rolle por sanción e a Nico Madero, que arrastraba unhas molestias, declaraba onte que «por nuestra parte no hay ganas de revancha, solo pensamos en que ahora nos jugamos mucho», informa Iván D. Rolle desde Viveiro.