O Concello de Cambados di ter o problema das toupas en mans dunha firma especializada

AROUSA

Martina Miser

O Juventud lamenta non ter recibido chamada da alcaldesa ou da edil de Deportes

08 abr 2021 . Actualizado a las 14:10 h.

A exposición pública do cansazo e do malestar da directiva do Juventud Cambados pola, denunciou en La Voz de Galicia, deixamento de funcións do Concello no mantemento dun campo municipal de Burgáns esnaquizado por unha praga de toupas tivo onte unha parca resposta desde o goberno local. Concretamente, por parte da alcaldesa, Fátima Abal, e de Samuel Lago, concelleiro do departamento de Obras que, sinala a entidade deportiva, debe ser o que se ocupe da conservación en bo estado da instalación.

A rexedora sinalou a preguntas de La Voz que o Concello de Cambados puxo o problema das toupas en mans dunha empresa especializada, para engadir que non ve unha pronta solución: «Eliminar esas toupeiras é complicado, porque non se pode facer máis ca levantar todo o campo» e «non queriamos chegar a unha situación tan drástica». Neste punto, o concelleiro de Obras informou de que a firma contratada trasladoulles que «a solución é levantar o campo e poñer unha malla anti toupas». Un remedio que lle custaría ás arcas municipais «uns 50.000 euros», di. Así as cousas, Fátima Abal é partidaria de «seguir mirando a ver de que outro xeito se pode solucionar o problema» que, como comentaran desde o Juventud o día anterior, recorda «ben de anos atrás», inda que polo que se ve non coa intensidade presente. Cambiar o céspede natural por un artificial é unha saída apuntada polo Concello, pero que ven remota.

Mentres, o primeiro equipo do Juventud Cambados regresaba na noite de onte a Burgáns a adestrar tras facelo o martes no Pombal, pero só por non ter horario neste último campo. Fíxoo tras, afirma, atopar os vestiarios sen limpar desde a semana pasada. Con todo, a maior preocupación da súa directiva é que «o Concello reaccione e que prepare o campo para o partido deste domingo en Burgáns co Umia. Despois xogaremos dúas semanas fóra e hai marxe para que fagan algo máis» ca tapar na mañá de onte os últimos buratos feitos polas toupas, sinala o voceiro do Juventud.

Fol, que amosou a súa ingrata sorpresa por que «nin a alcaldesa nin a concelleira de Deportes se puxeran en contacto con nós» -si o fixo, di, do edil de Economía, Xurxo Charlín-, engadiu ás preocupacións xa expostas «un problema co rego do campo. Os de Obras déixano funcionar toda a noite e o campo está moi húmido. E a empresa especializada que mandou o Concello di que iso facilita que haxa máis toupas».