A arquitectura poética de Xurxo Alonso outórgalle o premio Manuel Lueiro Rey

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O pintor e poeta vilagarcián Xurxo Alonso
O pintor e poeta vilagarcián Xurxo Alonso MARTINA MISER

O xurado subliña a habelencia harmónica e o verso longo de As vaidosas agonías, poemario que será publicado en setembro

04 abr 2021 . Actualizado a las 21:26 h.

«O xurado estimou en As vaidosas agonías a impecable dicción e fluencia harmónica dunha escrita arroupada por unha imaxinería fulgurante, que aborda con lucidez a loita do eu ante a ruína dun mundo que esfarela e no que cómpre soerguerse nas azas da palabra». Con esta conclusión, o xurado do premio Manuel Lueiro Rey vén de conceder a novena edición do galardón ao poeta vilagarcián Xurxo Alonso.

Na súa deliberación, os seus membros subliñaron o verso longo e a habelencia rítmica que o creador arousán desprega en As vaidosas agonías, así coma o amplo caudal de voces e citas que incorpora esta colección de poemas, o que, na súa opinión, fai do conxunto «unha obra de moi elaborada arquitectura e grande ambición estética».

Do xurado formaron parte Luís Cochón, en calidade de presidente, e Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Mercedes Queixas e Armando Requeixo coma vocais, ademais da coordinadora do premio, Carmen Carreiro.

A organización quixo destacar o bo nivel amosado polos orixinais que aspiraban ao galardón, así coma a súa diversidade temática e estilística. Con esta novena edición, o certame ve consolidada a súa andaina en colaboración co Concello de Fornelos de Montes, lugar natal de Manuel Lueiro Rey, e con Edicións Xerais, que publicará o volume gañador. As vaidosas agonías verá a luz en setembro. O poemario será presentado no propio acto de entrega do premio, que terá lugar en Fornelos. A súa dotación económica acada os 2.500 euros.