Jéssica Bouzas accede ás semifinais do torneo francés de Gonesse

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Superou a xermana Morderger en tres sets tras 2 horas longas

20 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vilagarciá Jéssica Bouzas xa está ás portas da que sería a súa terceira final individual no seu primeiro ano como tenista profesional sénior. Onte, nas pistas de terra batida do Torneo Internacional de Tenis Feminino de Gonesse, Francia, un W15 do circuito ITF World Tennis Tour, superou a tenista alemana Yana Morderger, nun partido que requeríu de Bouzas o uso de todas as súas armas.

Dúas horas e 24 minutos precisou a alumna da Academia Tenis Ferrer para facerse co triunfo e, con el, cunha praza hoxe nas semifinais do campionato galo. Debendo recuperarse dun 7-5 que supoñía o primeiro set cedido pola arousá no cadro principal do torneo -xa perdera outros dous no da previa, indo á morte súbita-. Tras igualar o duelo cun 3-6, Jéssica Bouzas conseguía o pase á semifinal impoñéndose no terceiro set 2-6 a unha rival seis anos maior e case cen postos por enriba na clasificación WTA, con Mordeger no posto 597, polo 692 que ocupa a vilagarciá.

A Jéssica Bouzas agárdalle hoxe Emeline Dartron. A xogadora francesa chega máis fresca, en tanto onte só tivo 45 minutos de desgaste. Os que empregou para gañar 6-3 o seu primeiro set fronte á súa compatriota Jade Suvrijn e poñerse 3-0 no segundo antes de que esta última se retirara da pista.