Mónica Touriño, subcampioa nacional no seu regreso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A catoirense completou en Ólvega, Soria, a súa primeira proba desde o 8 de decembro

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 8 de decembro Mónica Touriño ampliaba o palmarés da mellor canicrosser española da historia cun novo título no Campionato Galego de Mushing sobre Terra. A pasada fin de semana a catoirense gozaba da que era a súa primeira proba tras a paralización competitiva forzada pola situación epidemiolóxica da terceira vagada da pandemia de covid-19 e as restricións á mobilidade derivadas da mesma. En Ólvega, Soria, disputaba o Campionato de España de Mushing sobre Terra. Desta volta non puido revalidar o título, pero si subirse novamente ao podio, colgándose a medalla de prata.

Xunto con Nepal, Touriño asinaba o sábado un tempo de 13.17 na primeira das dúas mangas da competición, 28 segundos máis cós empregados por Olga Álvarez. A catalá volveu ser a mellor o domingo, sumando 18.59 minutos para un tempo final de 31.48. Touriño parou o crono en 19.53, rematando o Campionato cun tempo de 33.11. A aragonesa Tamara Vázquez foi bronce xa cun 35.27.

«A verdade é que ía mentalizada a por ese segundo posto», confesaba onte a de Catoira. E iso porque, di, «está sendo difícil adestrar en Galicia. Moitos adestramentos para facer unhas simples series e a motivación caeu en picado». Dito isto, engade que «vin de volta máis motivada e con ganas renovadas».