César Veloso xa roda coas cores que iluminarán a súa foto de despedida

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIA

Loce o equipamento do Tavira recén cambiado o chip para abrir a tempada en abril

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras cinco anos no W52-F.C. Porto -precedidos doutros tres de negro e de amarelo na mesma estrutura baixo os nomes de OFM e W52 Quinta da Lixa-, Gustavo César Veloso vén de cambiar definitivamente o azul mariño polo azul celeste para comezar a rodar proximamente a última das súas 21 tempadas no gran pelotón. O vilagarcián, que o pasado 29 de xaneiro cumpría 41 anos, recibiu o equipamento co que se despedirá como corredor profesional ao final deste ano nas filas do Tavira, confiando en poder montar a súa nova bicicleta a finais desta semana. Un adeus que comeza marcado, como o ano pasado, polo impacto brutal da pandemia de covid-19 no seu deporte. Ata o punto de retrasar como mínimo xa dous meses o inicio do calendario de carreiras.

«Normalmente en febreiro estariamos correndo todos», sinalaba onte Veloso. O problema, continúa, é que «Portugal estará pechado ata mediados deste mes» e neste momento a Clásica de Apertura, a primeira carreira programada no país do seu equipo e da metade do seu percorrido coma deportista, aparece programada para o 11 de abril. E que así sexa. Porque o de Bamio, como a maioría dos seus compañeiros de profesión, non as ten todas consigo visto o retraso dos procesos de vacinación popular en Europa, moitísimo máis lentos do agardado por moitos a finais de decembro tras a aprobación polas autoridades sanitarias dos primeiros preparados contra o covid-19.

«O equipo está tentando buscar algunha carreira fóra de Portugal» para adiantar o inicio da competición pero, sinala Gustavo César, «está igual de complicado. Imaxino que cando se empece haberá moitas carreiras, case todas as fins de semana ata a Volta a Portugal», un ano máis o seu grande e derradeiro obxectivo. Mais «haberá que ver se non se suspende algunha proba por falta de diñeiro como sucedeu o ano pasado», advirte o novo home forte do Tavira. «Moitas organizacións de carreiras son empresas que organizan eventos deportivos e precisan gañar diñeiro». Tamén é certo, algunha outra «anunciara o ano pasado a súa suspensión preferindo gardar o diñeiro para facer este ano unha edición máis potente».