Vilagarcía recorre ás novas tecnoloxías para poñer o 8M a salvo da pandemia

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Ravella readapta o maratón fotográfico e programa dúas sesións virtuais de música

02 mar 2021 . Actualizado a las 14:11 h.

A celebración, o 8 de marzo, do día internacional da muller traballadora vén este ano condicionada, coma todo o demais, pola omnipresente ameaza do coronavirus. Onte, o Concello de Vilagarcía presentou a súa colaboración para manter en plena vixencia o espírito do 8M malia as complicacións derivadas da pandemia. Unha data que, expuxo a concelleira de Igualdade, Tania García, resulta fundamental e inspira un programa municipal que tira de novas tecnoloxías e imaxinación.

A directora do Centro de Información á Muller de Vilagarcía, Julia Barbosa, foi a encargada de explicar as diferentes propostas deste 8M tan pouco usual. As actividades comezarán o sábado, co maratón fotográfico. Desta volta, a convocatoria non será presencial. A través dunha plataforma, a organización conectará cos participantes que previamente se inscriban nesta iniciativa. Será entón cando se lles comuniquen os temas sobre os que versarán as súas imaxes, que terán que ser remitidas a un enderezo de correo electrónico.

Ese mesmo sábado, a partir das dez da noite, K Dj conducirá a primeira das dúas sesións de música en streaming deste 8M, coas que se poderá conectar a través do perfil do Concello de Vilagarcía en Facebook. O programa continuará o vindeiro luns, día 8 e data central, coa lectura do manifesto do Consello Local da Muller, que o pleno vén de aprobar.

Dous días máis tarde, o mércores, a colaboración entre a concellería e o cine club Ádega traerá ao Salón García A illa das mentiras, a lectura cinematográfica que Paula Cons fixo sobre o tráxico naufraxio do Santa Isabel e as manifestas desigualdades sociais entretecidas por baixo. Victoria Teijeiro, unha das súas coprotagonistas, participará na proxección, que requirirá reserva previa na web de Ádega. O día 13, tamén ás 22 horas, Señora Dj dirixirá a segunda sesión musical. E entre o 1 e 15 de abril expoñeranse as fotografías do maratón. «As mulleres temos que participar e manifestarnos tamén», concluíu Barbosa con transparente claridade.