Tirón de orellas do curtido ciclista Avelino: «Hai moitos buracos»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Aos seus 82 anos, o deportista afeccionado varreu onte a grava da estrada de Catoira para reclamar máis atención por parte das Adminstracións

02 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai moitos buracos en Vilagarcía pola chuvia». Así se arrincaba onte Avelino Barreiro Barreiro. Un home que aos seus 82 anos -cumpriunos o pasado 30 de xaneiro- rivaliza con Gustavo César Veloso polo título de ciclista máis recoñecido polos seus veciños da capital arousá desde que hai 27 anos, con 55 primaveras, descubría a súa paixón por percorrer decenas de quilómetros ao día en bicicleta. Usuario pois do medio de transporte menos contaminante de cantos hoxe se coñecen máis aló da propulsión dos propios pés en terra, Avelino dirixiuse á prensa local como medio para trasladarlles a súa queixa ás administracións públicas mentres limpaba de grava un treito da estrada cara Catoira. Un tirón de orellas que confía teña xusta, pronta e cumprida resposta efectiva sobre o firme de moitas das estradas da localidade arousá.

«Indo para Rubiáns, antes de chegar ao tanatorio, hai un gran buraco. Xunto á gasolineira de San Roque, vindo para Vilagarcía, está o asfalto en moi mal estado para a bicicleta. Pouco antes dos semáforos á altura da perfumería, preto da casa do Concello, tamén. En Rodrigo de Mendoza tapan un burato, pero o tapan mal; leva unha chea de anos así». E esta é só unha parte, a máis importante, do maltreito estado no que, critica o curtido ciclista afeccionado, se atopa a rede viaria do seu municipio. Un perigo para xente que, coma el, ten na bicicleta o seu principal medio de transporte, ese que desde a Unión Europea se pretende use cada vez máis xente a fin de contribuír á redución dos gases contaminantes.

Acabar cos abrojos na praia

Pero Avelino vai máis aló do asfalto na súa reivindicación dunhas vías e espazos públicos seguros para a circulación en Vilagarcía: «As baldosas de Carril a Vilagarcía están mal para camiñar. E na praia queren facer piscinas. Antes de facer piscinas deberan mirar os abrojos», en referencia á planta que no verán do 2018 comezou proliferar no areal da Concha, provocando numerosos pinchazos de rodas de bicis. «Teñen que botar area boa», defende Avelino como solución contra o abrojo. Iso obriga a «gastar diñeiro» sinala, pero, volvendo ás piscinas, entende que hai de onde sacalo.