Un punto dos que marcan a diferenza entre quedar ou baixar

AROUSA

Martina Miser

O Asmubal Meaño volveu da cancha do potente Valladolid cun valioso empate

02 mar 2021 . Actualizado a las 12:36 h.

Comentaba a semana pasada o adestrador do Asmubal Meaño, o vigués Juan Costas, que para conseguir a permanencia na División Honra Prata Feminina o seu equipo debería non só sumar os puntos que lle restan por disputar con rivais directos na zona baixa da clasificación, tamén máis dun a costa de adversarios situados en estratos superiores da competición. Na tarde do sábado o cadro meañés sumou un valiosísimo empate fronte a un conxunto deste segundo grupo, e co plus de facelo a domicilio. Cun Hand Vall Valladolid que pelexa co Porriño por rematar como mellor equipo da Liga tras os tres grandes, Lanzarote, Rodríguez CLEBA e Oviedo, fóra xa do seu radio de alcance. No marcador final, 32-32, o contraste entre a satisfacción do apuntado e a conciencia de ter deixado fuxir un punto nunha desas perdas de balón imperdoables que lle permitiron ao cadro pucelano pechar o electrónico a 35 segundos da conclusión.

Ao feito de afrontar un dos desprazamentos máis longos da tempada o Asmubal sumaba o sábado a baixa da súa central titular. A Victoria Domínguez, retirada a semana anterior ao pouco do inicio do partido contra a S.A.R., diagnosticóuselle unha micorrotura no aductor da súa perna dereita, que fai dubidar da súa presenza tamén o vindeiro domingo no trascendental choque do Asmubal na cancha do Salud Tenerife. Con Ariana e con Lara sen xogar desde hai semanas por non poder adestrar por razóns laborais, o conxunto galego encaraba o duelo co Valladolid con tan só 13 efectivos.

Nestas condicións, o bo facer de Cárol Ferreira no xogo de dous contra dous sobre o pivote e a coralidade anotadora das de Juan Costas fixo augas a 5-1 de saída do equipo anfitrión, que tras un primeiro intercambio de goles (4-4, min 6.47) tivo que pasar a unha defensa en 6-0 para frear unha sangría que ameazaba con rachar o partido no minuto 13: 5-10.

Seis minutos tardou o Hand Vall en devolver a igualada ao electrónico, 12-12, instalando un intercambio de golpes ata que o Asmubal conseguíu demarrar nos últimos dous minutos e medio da primeira parte para irse tres arriba ao descanso: 17-20.

Con Laura Miniño, con Cárol e con Andrea Cores como motores ofensivos, o colectivo galego mantivo a iniciativa no marcador ata o 27-27. A partir de aí, os últimos 14 minutos foron un suplicio para os dous equipos, que iniciou máis acertado o Valladolid, 29-27, para darlle a volta ao calcetín o Asmubal, 30-32 a 3 minutos xustos do final. Tras a pifia que deu pé ao 32-32 as visitantes tiveron un último lanzamento a 3 segundos do final, pero o tiro de Laura Miniño, autora de 10 goles, foi blocado pola defensa local.

?

Parro, Alicia Hernández, Colmenero (3), De la Puente, Mónica Gutiérrez (10), Julia, Colías (3), Jana (1), Laura (1), Elisa (4), Sofía, Marta Valderrama (1), Isabel, Laura, Miera (1) e Natalia Garcés (8). 

?

Lorena Ligero, Sabela Miniño (5), Julieta (1), Andrea Cores (6), Lara Castro, Mónica Sineiro, Anabel Otero (1), Laura Miniño (10), Vanesa, Andrea Barreiro, Lorena Barreiro (2), Cárol Ferreira (7) e Laura Rivas.

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-3, 4-5, 7-10, 12-13, 15-15, 17-20 (resultado ao descanso); 20-22, 25-25, 26-26, 29-28, 30-31 e 32-32 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Cristian da Silva e Tomás Luis García. Castigaron con 2 minutos as xogadoras locais Alicia Hernández (min 48.26), De la Puente (35.38 e 50.27) e Colías (7.14 e 27.20) e a visitante Cárol Ferreira (39.32).