O imaxinativo Entroido virtual de Vilanova remata coa queima catárquica do coronavirus a mans dun trío infalible, na mesma beira do mar de Arousa

Non están as cousas para amorearse nas rúas. Así que, como tantas outras celebracións, o Entroido de Vilanova resolveuse esta fin de semana no universo virtual. Paga a pena botarlle un ollo a estes oito minutos de videocreación no que pasa un pouco de todo. Xa se imaxinan que xeneral superlativo atende por Paco, que é rescatado do camposanto polo crego Honorio para poñer orde. O noso home fala un galego do máis depurado, e non ten problema en compartir misión con Yellowstone Wolf, o ianqui abisontado que deixa o Capitolio para asumir unha responsabilidade moito maior e acadar un rostro ben coñecido en toda Galicia. Disparos ao teito da alcaldía, invasións viquingas, moita máscara e un final de auténtica catarse, co Momonavirus sendo queimado na praia, neste excelente traballo de Fotovideo Elite, que xa pode verse nas redes sociais do Concello de Vilanova.