Cinco pezas de teatro e unha de danza para recobrar o pulso

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

«Feminísimas» e «Despois das ondas» serán as primeiras obras que acolla o auditorio de Vilagarcía, en marzo

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de semanas de seca forzadas pola pandemia, a programación cultural rebrota en Vilagarcía da man do convenio que o Concello mantén coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). No que resta do primeiro semestre do ano, a capital arousá acollerá cinco obras de teatro e un espectáculo de danza. As dúas primeiras, o mes que vén. Ravella garante que o publico poderá gozar delas nun recinto completamente seguro e baixo o estrito cumprimento dos protocolos sanitarios. Así, o aforo verase reducido a cen butacas, mentres que o horario das funcións se adianta ás oito da tarde. As entradas, pola súa banda, poñeranse á venda de xeito gradual, cun mes de antelación.

Polo pronto, o luns 22 de febreiro ábrese a venda para as dúas representacións previstas para marzo. Abrirá a tempada o 6 de marzo «Despois das ondas», unha viaxe teatral a través da vida da actriz galega María Casares que serve a compañía Butaca Zero sobre un texto de Ernesto Is e a dirección de Xabier Castiñeiro. A peza obtivo no 2017 o premio Rafael Dieste de textos teatrais que entrega a Deputación da Coruña. Nerea Brey, Belén Constenla e Sonsoles Cordón conforman o elenco.

A segunda das representacións terá lugar o 26 de marzo. É «Feminísimas», unha comedia de De Ste Xeito Produción enmarcada nun congreso feminista que se celebra en Vigo. A trama céntrase na participación de tres amigas, Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco e Stephy Llaryora, con cadanseu xeito de entender o feminismo.

«DeMente» con Fran Sieira

Xa en abril, o día 17 chega o momento da comedia «32M2». A experiencia dunha parella que, por mor dun virus, fica confinada no seu pequeno apartamento e debe sobrelevar a situación. Dúas semanas despois, o 30 de abril, a compañía de Fran Sieira presentará no auditorio o seu espectáculo de danza contemporánea «DeMente».

O teatro regresa un mes máis tarde, en maio, con dous grandes e coñecidos actores galegos, da man da compañía Cultuactiva. Luís Iglesia e Marcos Orsi representarán «Conexión Pingüín», outra comedia que versa sobre os problemas de incomunicación entre os seres humanos. A última das obras é a montaxe de teatro contemporáneo «O mel non caduca», de Ibuprofeno, que foi adiada polo peche das instalacións.

Todas as entradas teñen un prezo de cinco euros, agás maiores de 65 anos, mocidade e persoas desempregadas, que poden acceder a un prezo reducido de tres euros.