O covid-19 obriga a modificar as bases do Maratón fotográfico pola Igualdade

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As persoas inscritas poderán participar dende os seus respectivos municipios, tomando as imaxes nas súas áreas xeográficas

17 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma parece que vai pasar con todo este ano, o tradicional Maratón Fotográfico que organiza a área de Igualdade do Concello de Vilagarcía no marco dos actos conmemorativos do 8M se celebrará de maneira non presencial para garantir a participación dentro da absoluta observancia das normas sanitarias de prevención da covid. Dadas as restricións á mobilidade existentes, as persoas inscritas poderán participar dende os seus respectivos municipios, tomando as imaxes nas súas áreas xeográficas. A proba celebrarase o 6 de marzo, comezando cunha xuntanza virtual na que se comunicará aos asistentes as tres temáticas que deberán ilustrar nas fotografías, que deberán remitir por correo electrónico ese mesmo día ao pecharse a proba. Concederanse tres premios de 200 euros.

A Maratón Fotográfica do 8 M conta tradicionalmente coa participación de afeccionados á fotografía de diversos puntos da provincia e incluso de municipios da Coruña e Ourense, que se desprazaban ata Vilagarcía para tomar parte na proba. Este ano a participación ábrese aínda máis, xa que non será preciso o desprazamento.

Van alá trece edicións desta proba, unha actividade que busca concienciar e sensibilizar á poboación sobre a igualdade de xénero. A través desta actividade, explica Ravella, preténdese que os participantes capten a través da súa creatividade situacións de desigualdade co obxectivo de facelas visibles ante a sociedade.

Requisitos

Os únicos requisitos para participar na maratón Fotográfica son non ser fotógrafo profesional e inscribirse dentro do prazo establecido, que finaliza o 3 de marzo, conforme aos sistemas que se indican nas bases que se poden obter a través do taboleiro de anuncios do portal municipal www.vilagarcia.gal ou da se...@vilagarcia.gal, onde tamén están dispoñibles os formularios. A participación na Maratón non ten límite de idade. Os menores deben presentar xunto a inscrición a fotocopia do DNI dun dos proxenitores, titor ou adulto que os representen. A decisión do xurado darase a coñecer o día 31 de marzo.