O Asmubal Meaño acelera cara a permanencia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Terceira vitoria en catro partidos, gañándolle a diferenza de goles a un rival directo

16 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A fe e as ganas por demostrar o moito que dista dese equipo perdedor e con pinta de estar abocado ao descenso co que rematara a primeira volta quedaron reflectidas o pasado sábado na actuación do Asmubal Meaño fronte ao HBC'74 Avia IEN. Un encontro vital nas aspiracións de permanencia na División Honra Prata Feminina do conxunto que dirixe Juan Manuel Costas, que recibía ao rival que o precedía na clasificación, con 2 puntos de vantaxe. Ao termo do choque, tras ir de menos a máis, o inquilino do Coirón Arena non só levou o gato á auga. Co tanto a 4 segundos do final de Sabela Miniño en xogada de pizarra preparada polo técnico local nun tempo morto con 19 para unha derradeira posesión, o cadro galego facíase co goalaverage fronte ao castelán-leonés, permutando ambos os dous os seus postos na táboa. Un cambio que saca o Asmubal Meaño da zona de perigo que marca a antepenúltima praza -baixan os dous peores neste chanzo dos catro grupos da categoría-, logo de gañarse gozar esta semana do undécimo lugar cos mesmos 10 puntos ca última das súas tres vítimas nos catro partidos máis recentes na Liga.

O desenlace e o botín colleitados contrastan co mal inicio de partido protagonizado polo Asmubal Meaño. Dicía onte o seu técnico que non «pensaba que a semana sen competir -polo adiamento do encontro co Gijón por casos de covid-19 entre as filas asturianas- nos fose lastrar así». Moi frouxo na súa defensa en 6-0, o equipo do Salnés viuse 9-13 abaixo mediada a primeira parte. Só o bo facer ofensivo de Laura Miniño e de Lorena Barreiro nos laterais compensaba a brandura das de Costas atrás, facendo posible que o HBC'74 non se disparase no electrónico e dándolle tempo a todo o equipo a mellorar as súas prestacións para igualar a contenda antes do descanso, 15-15, e mesmo gozando brevemente dun 14-13.

Á volta do paso intermedio por vestiarios o Asmubal Meaño completou o seu rearme defensivo, desde o que construíu unha superioridade que só se empezou a manexar en cómodas vantaxes de 2-3 tantos a partir dun parcial de 3-0, con Cárol Ferreira entoada no pivote. Lorena Barreiro e Laura Miniño levaron despois o seu equipo á máxima diferenza ao seu favor, 27-23 a 5.08 do final. E cando o HBC'74 Avia parecía amarrar como mal menor unha diferenza de goles particular que pode acabar resultado crucial, Costas indicou como explotar o 6-0 aberto do seu rival no extremo á procura da zurda de Sabela Miniño.