O Arousana ficha tres rapazas de 14 e de 15 anos para elevar as opcións de salvación

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Nando González terá dúas semanas para acoplar as súas novas futbolistas

11 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Atlético Arousana apurou o mercado de inverno na Primeira Nacional, pechado o pasado venres, para sumar tres novos efectivos coa vista na pelexa por evitar o descenso á Primeira Autonómica de cara a unha tempada, a 2021/2022, na que a Primeira Nacional pasará de categoría de bronce feminina á cuarta de España.

Esta semana, o club vilagarcián anunciou a fichaxe das irmás Laura e Iria Otero Fuertes e mais da futbolista da capital arousá Sara García Gómez; as tres xogaban a tempada pasada en categoría autonómica. No caso das irmás, no Orzán coruñés. Iria, de 15 anos, é centrocampista, e Laura, de 14, pode xogar en calquera posición do ataque. Pola súa idade, esta última debe figurar con ficha do segundo equipo do Arousana, inactivo, podendo competir na Primeira Nacional cun permiso especial da Federación Española.

Sara García, de 15 anos, chega procedente da canteira do Arousa. No seu caso, pode desenvolverse tanto de central como de mediocentro. Como as irmás Otero Fuertes, era seguida desde había tempo polo Arousana.

Nando González terá dúas semanas para acoplar as súas novas futbolistas, que con Iria e con Sara elevan a 19 o número de xogadoras do primeiro equipo vilagarcián, axudado por outra media ducia do filial. Esta semana para a Liga e na seguinte ao Arousana tocarálle descansar antes de iniciar ante o potente Dépor B os seus catro últimos partidos da primeira fase. Neles deberá sumar o maior número posible de puntos que levar á Liga pola permanencia.