A Administración concédelle o novo ERTE ao CLB

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A entidade traballa en varios escenarios de adestramentos para cando se regrese

10 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O CLB recibíu o luns luz verde das autoridades laborais ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego que solicitara unha semana antes para os 8 adestradores cos que conta en nómina esta tempada. Un segundo ERTE en menos dun ano, tras ó que se acollera na primavera do 2020, entón para os 5 técnicos do seu cadro laboral a raíz do primeiro estado de alarma pola pandemia, acompañado dun confinamento domiciliario de seis semanas.

Sen reinicio posible a tempada 2019/20, o primeiro ERTE no CLB estendérase do 15 de marzo ao 30 de xuño. Desta volta, explica o seu presidente, Isidoro Canabal, descoñecen ata cando precisarán tirar dun instrumento que está a permitir a tantas empresas e entidades como a nacida da unión das canteiras do Cortegada, do BBC e do extinto Liceo Casino sobrevivir mentres as restricións decretadas polas autoridades fronte ao covid-19 impiden desenvolver, inda que só sexa parcialmente, a súa actividade ordinaria. Neste caso, os adestramentos dos arredor de 220 xogadores que este ano se inscribiron no proxecto CLB.

Co deporte federado que non compita ou teña en axenda a disputa de ligas, de campionatos ou de probas de ámbito estatal paralizado por orde da Xunta desde o 27 de xaneiro, Canabal sinala o obvio: toca agardar. Agardar ao momento en que a administración autonómica entenda que é posible volver permitir a reunión de deportistas dun mesmo club para traballar cos seus adestradores, con maiores ou menores medidas hixiénico-sanitarias nas súas dinámicas de traballo.

A concesión do ERTE permítelle ao CLB «afrontar o mes doutra maneira», confesa o seu presidente. «Os nosos adestradores quedan protexidos e podemos ofrecerlles un alivio ás familias dos nosos xogadores, nun momento en que todo o mundo o necesita», comenta Canabal.

Con todo, o CLB non para. Por un lado, o seu corpo técnico manténse en contacto cos xogadores, aos que lles envían pautas de traballo para facer na casa a fin de non perder todo o volume acumulado ata o parón, no seu caso desde o 20 de xaneiro, cando a Xunta mandou reducir a 4 persoas os grupos de adestramento nos clubs federados. Por outro lado, estudando coa Fundación de Deportes de Vilagarcía distintos escenarios de adestramento para cando os volva permitir a Xunta.