A falta de desfiles, o Entroido vivirase en Rede; consulta aquí a oferta do teu concello

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Todos os concellos, excepto Meaño e Ribadumia, organizan actividades a través de Internet

17 feb 2021 . Actualizado a las 09:49 h.

Este ano o Entroido vivirase desde a casa. Nunca será o mesmo, pero non faltará o consolo de poder asomarse ás redes sociais para mirar e mirarse co disfrace. Os concellos están despregando unha importante loxística para manter vivos eses concursos que sempre se celebraron na rúa e agora toca levar a Internet. 

Vilagarcía

Historias de choqueiros. A concellería de Cultura organizou un certame de máscaras e unha choqueirada a través das contas do Concello en Facebook e Instagram. O certame está destinado ás familias que teñan rapazada de 3 a 12 anos e nel xógase co dobre sentido da palabra máscara en galego, que se refire tanto á careta de Entroido como ás máscaras sanitarias que chegaron ás nosas vidas coa pandemia. O formato é libre, igual que os materiais a utilizar, e unha vez se teñan confeccionadas as máscaras, deberán sacarlle unha foto e remitila, xunto coa solicitude de inscrición, a info.cultura@vilagarcia.gal. O formulario pode obterse a través de http://www.vilagarcia.gal e da sede.vilagarcia.gal. O prazo remata o 10 de febreiro. As fotografías serán difundidas nas redes sociais entre o 13 e o 16 de febreiro. Non haberá premios, pero todos os participantes recibirán de agasallo un exemplar dunha edición especial de Os Bolechas. No que atinxe á choqueirada virtual, os interesados en participar terán que disfrazarse nas súas casas e colgar nas súas contas de Instagram unha «historia» incluíndo a etiqueta @vilagarciaviva. Poden subir fotos, vídeos ou gifs dos choqueiros. Posteriormente, o Concello compartirá no seu perfil as historias máis divertidas e orixinais entre o 13 e o 16 de febreiro. 

Cambados

Coa máscara posta. Tras coñecerse as novas restricións acordadas pola Xunta, a concellería de Cultura tivo que cancelar o concurso de A túa cara sóame, que se ía celebrar no auditorio vía online, e o fotocol que ía colocar diante do consistorio para que a veciñanza tomara imaxes coas que participar no concurso de disfraces que se vai celebrar a través de redes sociais. Concurso haberá igualmente, pero cada un terá que facerse a foto na casa. Os interesados en participar deberán enviar as súas propostas ao Facebook do Concello co cancelo #EntroidoCambados e coa máscara posta -neste caso a de protección contra o covid-, entre os días 12 e 17. Haberá premios en vales de compra para gastar no comercio asociado a Zona Centro nas categorías infantil (ata doce anos), adultos, parellas e grupos de conviventes. 

O Grove

Mirando ao pasado. O Concello do Grove convoca o concurso “Fotografía de Entroidos pasados» a través de Facebook. Os interesados poden enviar ata un máximo de tres fotografías ao correo electrónico entroidodogrove@concellodogrove.es ou por wasap ao 699 943 955 cos datos do autor e unha breve historia da imaxe. 

Vilanova

O Momo vai arder. «Sin desfile, pero el Momo va a arder, de forma virtual o real, y no puedo adelantar más», segundo apuntaba este venres o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. Haberá pois que agardar ao Domingo de Piñata para coñecer a sorpresa.

Meis

Vales para comprar no municipio. O Concello organiza un concurso virtual de disfraces dirixido a todos os veciños empadroados en Meis no que non faltarán os premios nas categorías infantil, xuvenil e adultos, nas modalidades individual e familiar. Repartiranse 500 euros en vales de compra para canxear no comercio e hostalería locais para premiar ao mellor disfrace feito con materiais de refugallo, ao máis orixinal e divertido e ao mellor choqueiro. Os interesados deben dirixirse a omix@meis.gal antes do 11 de febreiro. O xurado dará a coñecer o seu veredicto día 17. 

A Illa

«Carnaval facebukero». A asociación de Festas Culturais, en colaboración co Concello e coa asociación de empresarios de A Illa, invita aos veciños a participar no «Carnaval facebukero» desde as súas casas co reclamo do sorteo de 3.600 euros en vales de compra para consumir no comercio local. A partir do sábado entrarán nos distintos sorteos todos aqueles que suban á conta Festas Carnaval da Illa fotos disfrazados de comadres, liborios ou calquera outra careta que queiran poñerse así como tamén quen envíe vídeos sobre receitas de repostería do Entroido ou bailando, cantando ou calquera outra artistada. Os organizadores tamén contribuirán a alimentar o «Carnaval facebukero» cun pregón a conta de Chicote e a Pedroche, que se publicará o domingo, e algunha que outra sorpresa que están argallando. Os sorteos están abertos a todo o mundo, tamén para os que non viven na Arousa, e os premios distribuiranse a razón de cheques de 10 euros.

Catoira

550 euros en premios. O Concello decidiu suspender os tradicionais desfile e festa de disfraces e organizou un concurso virtual no que se repartirán 550 euros en premios nas categorías infantil e adulto. O prazo de inscrición é ata o 12 de febreiro e pódese formalizar a través de cultura@catoira, o teléfono 616 842 467 ou por sede electrónica.

Valga

A golpe de «like». O Concello está organizando un concurso que se desenvolverá a través das redes sociais para as persoas empadroadas en Valga. Repartiranse 1.130 euros en premios nas categorías infantil (de cero a 14 anos) e adultos (a partir de 15 anos), tanto para disfraces individuais como en parella. Establécense dúas categorías especiais (ao máis orixinal e o mellor disfrace de mulleres representativas da historia) e un premio ao participante que reciba máis «likes». O prazo de inscrición estará aberto ata o día 11 de febreiro ás 15 horas. Os participantes deben cubrir a folla de inscrición e enviala ao correo electrónico comunicacion@valga.gal xunto cunha fotografía ou pequeno vídeo do disfrace e os datos persoais do participante. O material audiovisual recibido subirase ao Facebook e Instagram do Concello e durante os días 13 e 14 de febreiro todos os internautas poderán votar polos seus disfraces favoritos.

Pontecesures

In extremis, pero haberá concurso. Logo de ter que suspender os actos previstos, o Concello publicará este luns as bases do concurso de disfraces que se realizará por redes socias. Repartiranse 900 euros en vales de compra para consumir no comercio e hostalería locais.

Meaño e Ribadumia

Sen actividades. Nestes concellos optaron por prescindir de toda actividade, incluso por Internet, á vista da situación sanitaria. En toco caso, o Concello de Ribadumia non descartaba onte algunha iniciativa de última hora.