Un contaxio no Gijón leva a adiar o partido semanal do Asmubal Meaño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As de Costas adestran hoxe para non perder ritmo

06 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Asmubal Meaño non poderá cumprir coa súa cita semanal coa Liga da Grupo A da División Honra Prata Femenina. E xa van catro veces no que vai de tempada; a primeira desde o paso de ecuador do campionato. Cando a directiva do club meañés se afanaba en atopar un establecemento hoteleiro que provese de hospedaxe, de cea e de almorzo na noite do sábado e na mañá do domingo -o seu partido desta semana estaba programado ás 12-, a Real Federación Española de Balonmano trasladáballe o mércores un comunicado informando do adiamento do seu duelo a domicilio co Balonmano Gijón. O motivo, o contaxio por covid-19 dunha das xogadoras do conxunto asturiano e a recomendación do médico deste de confinar nos seus domicilios a totalidade do seu cadro de balonmanistas.

O adestrador do Asmubal, o vigués Juan Costas, contactou co Balonmano Gijón para propoñerlle a disputa do partido aprazado o sábado 20 de marzo. E iso porque, di, «é o único día posible» ao seu entender no calendario que resta ata o final da Liga.

A rapidez do técnico galego á hora de tentar chegar a un acordo co Gijón obedece ao convencemento de Costas de que «van vir máis aprazamentos» vista a situación epidemiolóxica no conxunto de España e os precedentes entre os equipos da Liga, comezando polo propio cadro meañés, con dous confinamentos domiciliarios ás costas na primeira volta.

A fin de non perder ritmo, Costas convocou o seu cadro de balonmanistas a unha sesión extraordinaria na mañá de hoxe. Unha sesión que, dicía onte, «nos vai vir moi ben para preparar o seguinte partido, no parqué de Coirón cun rival directo pola permanencia, o HBC'74 Avia cántabro.