A piscina de Vilagarcía suspende os recibos ata que poida retomar o servizo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Só cinco equipos de diferentes disciplinas poderán seguir utilizando instalacións municipais

28 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrada en vigor das novas restricións derivadas da crise sanitaria da covid-19 ven de trocar, unha vez máis, os hábitos e rutinas de moitos deportistas. E Vilagarcía non ía ser unha excepción. A Fundación Municipal de Deportes informou de que, dende onte, todas as instalacións municipais permanecerán pechadas ao público en xeral, «pudendo soamente ser utilizadas para os adestramentos e competicións de carácter estatal, que non terán público». Pola súa banda, «a piscina municipal pecha totalmente». Como é sabido, a duración deste peche vai depender da evolución da pandemia. Se esta é positiva, o 17 de febreiro rematará este semi confinamento no que nos atopamos.

No que respecta ao uso dos campos, pistas e pavillóns de titularidade municipal, nas actuais condicións decretadas pola Xunta so poderán continuar facendo uso deles cinco equipos de distintas disciplinas. Son os que compiten a nivel nacional: en fútbol, os equipos xuvenil e o de terceira do Arosa S.C e o Atlético Arousana; en baloncesto, o Cortegada; O Tenis de Mesa Vilagarcía. En todos estes casos, seguirase un estrito protocolo, e en ningún caso poderá haber público seguindo nin as competicións, nin os adestramentos.

Pola súa banda a piscina municipal, xestionada pola empresa Serviocio, fai un peche total. Serviocio está a informar aos seus abonados o peche e o motivo do mesmo, e advertirlles de que non se emitirá o cobro de ningún recibo ata que se retome por fin o servizo. De momento, algunhas clases e actividades poderán seguirse de forma telemática.