Os colectores de Arroupa recolleron 67,6 toneladas de roupa usada en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A empresa nacida ao amparo de Cáritas dalle unha segunda vida solidaria ás prendas

27 ene 2021 . Actualizado a las 14:04 h.

Non é fácil xestionar a roupa que xa non usamos. Que facer con ela é una pregunta para a que a veciñanza e Vilagarcía atopou resposta, hai xa uns anos, nos colectores de Arroupa, unha empresa nacida ao amparo de Cáritas para darlle unha segunda vida a moitas desas prendas que desbotamos cando aínda están practicamente novas. Segundos os datos facilitados por Ravella, o ano pasado nos dezaseis colectores deste tipo instalados na vila recolléronse 67.642 quilos de prendas. A suma elévase ata os 79.473 quilos ao sumar as prendas desbotadas no contedor sito no adro da igrexa Santa Baia de Arealonga e no seu roupeiro parroquial.

A cifra, malia ser importante, non é tan alta coma en anos anteriores. Os colectores de Arroupa tamén sufriron os efectos da pandemia, neste caso acusando un descenso dun 10 % no que á cantidade de roupa desbotada neles. «Debido aos meses nos que tivemos que permanecer na casa, ás restricións á mobilidade e ás celebracións de tipo social, sumado todo isto á incerteza económica, a necesidade de comprar roupa nova puido diminuír e, polo tanto, verse reflectido nunha maior vida útil as prendas que xa tiñamos e das que aínda non nos deprendemos», di Ravella para explicar que este ano foran 8.8804 quilos menos os recollidos.

No que respecta aos contedores habilitados en terreo público municipal, os que son froito do convenio de colaboración do Concello, os resultados máis avultados son os que se rexistraron no punto da Praza da Constitución (10.607 quilos) e no do Piñeiriño (9.909). Seguíronlle os contedores vermellos situados en Carril, Matosinhos, Vilaxoán, San José, Avenida das Carolinas e Sobradelo. Na franxa das tres toneladas se situaron os puntos de recollida da Avenida López Ballesteros e o da Avenida da Mariña, seguidos dos colectores da igrexa de Rubiáns, da Rúa do Adro en Cornazo, rúa do Porto na Torre, do pavillón de Fontecarmoa, da rúa Primeiro de Maio-Trabanca Badiña e o da rúa Coca.

No roupeiro de Cáritas, pasouse de recoller 3.805 quilos no ano 2019 aos 634 do ano 2020, uns datos que parecen responder, tamén, ás particulares circunstancias.