O Arousa recorrerá as tres vermellas porque o árbitro «se equivocou»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Santi M. Amil

A quinta amarela de Campillo deixa a Sáez con só 14 homes para recibir o Barco

26 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Indignación contida. Este foi o estado de ánimo co que rematou a expedición do Arousa o seu encontro do pasado domingo no campo do Couto fronte ao Ourense C.F. Indignación contida coa actuación do colexiado pontevedrés Castro Alarcón, que con dous expulsións en tres minutos, as de Pedro García e de Mon á hora de xogo, puxo fin ao contundente dominio do conxunto arlequinado, alfombrando o empate in extremis do cadro local. Un 1-1 que soubo a vitoria nas filas vilagarciás por canto o árbitro completou a tarde sacándolle a vermella tamén ao gardamallas visitante, Álex Cobo, por entender que estaba a perder tempo nun saque de portería no minuto 93.

O adestrador do Arousa, Rafa Sáez, optou tras o partido pola sempre necesaria prudencia nas augas procelosas da valoración arbitral, referíndose á actuación de Castro Alarcón cun «sin comentarios». A directiva do club manifestouse onte na mesma liña. «Nós como club nunca protestamos unha actuación arbitral. Un club como o Arousa non pode ir criticando as decisións do árbitro», di o vicepresidente deportivo, Rodrigo Lojo. O cal non significa, engade, que «si cremos que -Castro Alarcón- se equivoca. E obraremos en consecuencia recorrendo as tarxetas» que derivaron nas expulsións.

Ao longo do día de onte no Arousa traballouse na selección das probas gráficas que deben sustentar a argumentación de cada un dos recursos individuais dirixidos ao Xuíz Único de Competición da Terceira da Real Federación Galega de Fútbol reclamando a retirada dos cartóns vermellos a Pedro García, a Mon e mais a Álex Cobo. A intención dos responsables do club era presentar cadansúa instancia a última hora de onte ou esta mañá, co prazo para facelo rematando hoxe ás seis da tarde.

Da sorte que corran os tres recursos dependerá a marxe de manobra táctica da que poida dispoñer Rafa Sáez este domingo na Lomba no enfrontamento do seu equipo co C.D. Barco, terceiro clasificado un posto e 3 puntos por debaixo do Arousa. E é que con Campillo vendo a quinta tarxeta amarela da tempada no Couto, as tres baixas por expulsión sumadas a un Jorge Fajardo inda no dique seco deixan o número de efectivos aliñables do primeiro equipo vilagarcián en tan só 14 esta semana.

Problemas de relevos, non no 11

Falamos de cinco ausencias que afectan a todas as liñas de xogo. Unha situación que mingua a marxe de rectificación, de reacción ou de consolidación tácticas de Rafa Sáez ao longo do vindeiro partido, que non a presentación dun once das máximas garantías. Porque, como sinalaba onte Rodrigo Lojo, «este ano, co equipo que temos, non podemos falar de suplentes». Con xogadores coma Manu Táboas, Piay, Sidibé ou Pablo Pillado, titulares en calquera equipo de primeira liña da Terceira División, vendo toda ou boa parte do partido do pasado domingo desde a grada do Couto.

A Federación pretende comezar a limpar desde febreiro os partidos aprazados na Terceira

A pasada fin de semana foron tres dos seis partidos programados no Subgrupo 1B. os que tiveron que ser aprazados por casos de covid-19 nalgún dos equipos implicados. Sete días antes a cifra de encontros adiados era de dous, isto é, a terceira parte, cando na semana anterior, a primeira da segunda volta, só se parara un choque pola mesma razón. A cuestión é que o número de partidos pospostos na Liga é cada vez maior. Así as cousas, fontes da Real Federación Galega de Fútbol sinalaron onte a intención do ente de «comezar a limpar partidos a partir de febreiro», a metade deles co Arousa e co C.D. Ribadumia implicados. E iso pasa ineludiblemente porque os equipos xoguen entre semana, toda vez que non hai unha soa fin de semana libre de aquí ao 21 de marzo, data de finalización da primeira fase do campionato.