Ravella abre a matrícula nos obradoiros de envellecemento activo online

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

23 ene 2021 . Actualizado a las 18:35 h.

Os obradoiros de envellecemento activo que dende hai anos organiza a Concellería de Persoas Maiores de Vilagarcía regresan este ano adaptados ás novas circunstancias impostas pola pandemia. As actividades impartiranse a distancia e cun seguimento online que se axustará ás capacidades dixitais de cada usuario. Non é fácil a realización destes obradoiros de forma non presencial para este colectivo en concreto, pero o departamento que dirixe Tania García considera «máis necesario que nunca manter as actividades de envellecemento activo para tratar de frear os efectos negativos que o distanciamento social pode causar aos maiores, considerados de alto risco respecto ao covid e que, polo tanto, para autoprotexerse, son máis estritos co grao de illamento».

Dado que a diminución das relacións e contactos sociais e as limitacións a certas actividades físicas pode producir perda de habilidades cognitivas, físicas e agravar o estado emocional, a Concellería organiza unha nova quenda dos obradoiros de envellecemento activo que se desenvolverán do 1 de febreiro ao 30 de xuño e do 1 de setembro ao 31 decembro.

Dada a situación sanitaria que impide a impartición presencial grupal, como se viña facendo, nesta ocasión formaranse microgrupos xuntando aos participantes que posúan unhas capacidades tecnolóxicas similares a efectos de traballar telematicamente con eles. A empresa que imparte os obradoiros entregará a cada participante un caderno de actividades que servirá de base para o traballo a realizar e que contará con seguimento online. Nuns casos será a través de vídeo chamadas compartidas por dous ou tres alumnos máis o monitor, noutras a través de whatsapp e noutras mediante chamada telefónica. Para os casos máis necesarios, incluso se poderá citar ao alumno de forma presencial.

As sesións celebraranse os martes de 9.30 a 12 horas os xoves de 10 a 12 horas, a excepción dos festivos que se pasarían ao luns e ao mércores respectivamente. Os obradoiros son gratuítos e dispoñen de 30 prazas destinadas a persoas de 60 anos en diante que estean empadroadas en Vilagarcía. O prazo de inscrición ábrese o luns, 25 de xaneiro.