A Deputación adquire o Arquivo Xosé Velo

AROUSA

ARRAIANOS PRODUCIÓNS

A entidade provincial anunciou a edición dun libro cunha escolma de material inédito do político galeguista

23 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo co sesenta aniversario da arenga no secuestro do Santa María para protestar polas ditaduras de Franco e Salazar a Deputación de Pontevedra anunciou este venres a adquisición de parte do arquivo persoal do político galeguista Xosé Velo. Deste xeito, a deputada de Memoria Histórica, a nacionalista María Ortega, sinalou que o obxectivo é difundir e poñer en valor a figura, obras e ideas dunha persoa «que loitou pola liberdade».

Engadiu que esta adquisición «demostra o compromiso da Deputación por poñer a disposición da cidadanía todo o material das persoas que traballaron e loitaron pola liberdade e que sufriron para que nós hoxe deamos pasiños para acadar unha democracia madura e sen complexos, e poidamos tomar as rendas do noso propio futuro. Debemos ter estas persoas como referente de cara a onde queremos camiñar e obxectivos que queremos construír como país».

As negociacións co seu fillo Vítor, afincado en Sao Paulo, para poder dispor deste arquivo pecháronse a finais do 2019. Sen embargo, o material non puido chegar a Pontevedra ata case entrado o confinamento, polo que dende entón estase a realizar un labor de inventario, catalogación e dixitalización para que os fondos poidan ser consultados a través do portal Atopo. Dende a Deputación destacaron que se trata de poemas, ensaios, artigos, cartas, documentos, fondos gráficos e audiovisuais relacionado coa súa actividade política e cultural.

«Cremos que xa é hora de socializar a figura e Pepe Velo», incidiu, ao tempo que adiantou outras dúas accións vinculadas con esta figura. Por unha banda, a próxima publicación dun libro cunha escolma do material inédito adquirido, que pretende saír á luz, como moi tarde, no 2022 coincidindo co cincuenta aniversario do seu pasamento.

E por outra, a colaboración no documental Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra, dirixido por Aser Álvarez. Esta peza audiovisual xa está dispoñible na web de Arraianos Producións e na canle de Youtube da Deputación, así como foi distribuída entre os centros de ensino e bibliotecas municipais de Pontevedra posto que foi realizado con fins didácticos.

O documentalista Aser Álvarez resaltou o feito de que «este proxecto non fixo máis que continuar e de cara ao 2022 estamos traballando en varias accións (…). Velo foi un ser humano extraordinario, un galeguista histórico e un home que, precisamente por ter sido protagonista, ideólogo e organizador da toma do Santa María, veu eclipsados outros momentos da súa vida e traxectoria».

Para conmemorar esta efeméride, presentou unha pequena peza audiovisual recreando o discurso-arenga que Xosé Velo fixo no transatlántico para explicar á tripulación e á pasaxe cales eran os motivos da súa acción política. Franco e Salazar quixeron cualificalos de piratas mais «o dereito internacional demostrou que non», matizou Álvarez. Esta obra pódese visualizar a través das redes sociais da Deputación Provincial e tamén na canle de Vimeo de Arraianos Producións.