Tono Campos e o Náutico Pontecesures acompañan a Bea na asemblea da Federación Española

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O seu primeiro cometido será elixir o novo presidente do ente

22 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado celebráronse as eleccións das que saíron os 83 membros que, durante os vindeiros catro anos, acompañarán os 19 presidentes das federacións autonómicas na asemblea da Real Federación Española de Piragüismo. O máximo órgano de decisión do ente do deporte español máis laureado na última edición dos Xogos Olímpicos e o segundo de toda a historia xa a moi escasa distancia da vela. Entre os 83 novos asembleístas aparecen dous nomes arousáns. O do grovense Tono Campos, o mellor canoísta hispano de maratón de todos os tempos, elixido no estamento de Deportistas de Alto Nivel, e o do Náutico Pontecesures, representando o colectivo de clubs.

Deste xeito, sumados ao meco Fredi Bea, membro nato na súa condición de presidente da Federación Galega de Piragüismo, o sur da ría de Arousa contará con tres votos na sesión do 14 de febreiro na que se decidirá o nome do vindeiro presidente da RFEP. Un proceso este marcado unha vez máis polas queixas de irregularidades denunciadas pola oposición ao presidente saínte e aos teóricos candidatos de continuidade, co piragüismo galego novamente á cabeza dunha mobilización que xa trasladou a nivel xudicial reclamando a nulidade do regulamento e do censo electorais.

O piragüismo galego conseguiu o sábado o 25 % dos 40 asentos da asemblea reservados a clubs e case a mesma porcentaxe dos 22 para deportistas, neste caso 6, acadando a súa maior representación da historia en Madrid. Peso que tentará facer valer en alianza coas federacións de Asturias e de Baleares para levar á presidencia da RFEP o padexeiro internacional de elite Javier Hernanz.

Para Tono Campos, esta será a súa segunda experiencia como asembleísta da Española, tras unha previa a principios de século. A súa prioridade, explica, será «defender a modalidade de maratón e tentar que se fixen unhas bases claras para a elección dos padexeiros internacionais que non cambien moito de ano en ano».