Dun goberno global fronte a covid-19

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

ALBERTO LÓPEZ

Para adaptármonos á natureza, a única saída racional do homo sapiens será recuperar a súa potencia orixinal para planear unha nova ficció

17 ene 2021 . Actualizado a las 14:18 h.

Estou a ler Sapiens: de animales a dioses (Harary, Yuval Noah; editoria Debate, 2015) e nos primeiros capítulos describe as ficcións argalladas polo homo sapiens e, entre outras, cita relixións ou dereito. O autor sostén que a virtude destes homínidos para producir tales invencións imaxinarias deulles fortaleza para sobreviviren fronte a outras especies, conquistaren o mundo e chegaren a considerarse deuses cando os avances científicos lles permitiron crear vida e saír do planeta. E coa ficción do dereito articularon ideas intanxibles como Estado, soberanía e fronteiras, agora desdebuxadas con motivo da peste que nos asola. Esta pandemia, aparte de traer morte, tamén chegou para que nos deramos conta de que eses Estados, soberanías e fronteiras son só cambiantes trangalladas humanas alleas e discordantes coa natureza. Vento e choiva, ríos e mares, bosques e árbores, animais, cataclismos, non distinguen eses conceptos imaxinarios inventados polo home; tampouco sabe deles o coronavirus, que burla raias artificiosas trazadas en mapas. E, ademais, como esas leiras ilusorias supoñen fragmentación e, polo tanto, debilidade, a covid está a poñer en grave risco ao homo sapiens que pasaba por amo indiscutible do mundo. O dominio da Terra, segundo Harari, sempre foi asociado á destrución de especies, tanto de outros homínidos como de toda clase de animais. Eu non sabería dicir se a raza humana tivo desde o principio mala conciencia por iso. Seguramente de aí vén que buscase xustificacións para esa dominación sempre cruenta. A coartada máis coñecida aparece no libro da Xénese: «E creou Deus ao home á súa imaxe, a imaxe de Deus creouno; varón e femia creounos e bendiciunos e díxolles: Dade froitos e multiplicádevos; enchede a terra e dominádea e sede donos dos peixes do mar, das aves dos ceos e de todas as bestas que se moven sobre a Terra». Foi un xeito de lexitimar que, simulando mandato divino, o homo sapiens puidese acometer ata a destrución da Terra. Niso andaba, créndose deus, cando nestes días de pandemia comprobou que a natureza reaccionaba contra o maltrato global coa potente covid-19. Fronte a ela, os Estados e demais leiriñas imaxinarias, encararon a loita actuando cada un dun xeito, ofrecendo así un campo propicio para o avance do virus. E agora, vista a fraxilidade da nosa especie e das ficcións que a fixeran vitoriosa, xurde o medo. O curioso de todo isto está en que para adaptármonos á natureza, a única saída racional do homo sapiens será recuperar a súa potencia orixinal para planear unha nova ficción, desas que nos deron vantaxes evolutivas. Non queda outra que seguir as propostas do profesor Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940) e establecer unha constitución mundial para axustar fábulas xurídicas como a dos Estados á realidade do mundo, e implantar institucións supranacionais con poder nas cuestións comúns da humanidade: pandemias, cambio climático, fame e pobreza, migracións, paz, dereitos humanos, auga, aire, educación, saúde. Tamén porque, como di Harari, esa vantaxe evolutiva xurde da cooperación, non da división.