O Asmubal encara a pelexa pola permanencia na segunda volta coa ilusión renovada

Juan Costas salienta a enorme inxección de moral recibida polo equipo coa súa segunda vitoria da tempada


«Había tanto tempo que non gañaban que o celebraron coma se fora a final da Champions». Fala o adestrador Juan Costas do estoupido de alegría entre as xogadoras do Asmubal Meaño a primeira hora da noite do pasado sábado. No electrónico, ao termo do seu choque en Coirón co Balonmano Salud Tenerife, un 33-29 que subía á clasificación o segundo triunfo do cadro do Salnés no seu regreso á División de Honra Prata Feminina; o anterior databa da primeira xornada do campionato, fronte ao Siero tamén en cancha propia.

A satisfacción entre as filas do Asmubal non diminuíu pese á derrota non moito máis de medio día despois na visita ao Oviedo Balonmano Femenino. Porque se ben se perdeu 26-20, a imaxe do Asmubal foi esperanzadora diante dun dos conxuntos que pelexan polo título de grupo e polo ascenso á máxima categoría do balonmán feminino español, e por ter que xogar tan desgastadas tras o encontro da noite anterior e unha pesada viaxe de 400 quilómetros sen apenas tempo para durmir.

«A primeira parte do -seu- traballo, que cambiaran o chip e volveran ser competitivas, está conseguido», sinala Juan Costas, con apenas dúas semanas á fronte do Asmubal no seu regreso a Meaño, logo da saída de Luis Montes do posto. É por iso que o técnico vigués non entra a valorar a traxectoria que levou ao seu de novo equipo a pechar a primeira volta da Liga pechacancelas, cos mesmos 4 puntos có Lavadores Vigo, cun menos có Palencia Turismo e 2 por debaixo do Carballal.

Do que si fala Juan Costas é do horizonte que se lle presenta ao cadro de Coirón na segunda volta que este sábado arrinca na cancha do Siero Deportivo Balonmano en terras asturianas. «Estamos moi ilusionados de cara á segunda volta». E se ben «temos que ter moita cautela, porque a cousa está moi difícil, se non temos lesións e podemos traballar -en referencia aos dous confinamentos obrigados por casos puntuais de covid-19 no equipo durante a primeira volta-, estou bastante esperanzado coa salvación».

O maior temor do preparador do Asmubal, ademais das aclaracións sinaladas, é o feito de que «teremos que xogar con case todos os rivais directos fóra da casa». Con só 15 efectivos, incluída a extremo xuvenil Sabela Miniño, Juan Costas está a traballar en tentar repescar algunha ex xogadora do equipo nun mercado complicado para poder fichar.

A directiva do club carga contra o alcalde pola falta de apoio económico do Concello de Meaño

Tan só dous equipos do sur da ría de Arousa poden presumir de militar na segunda categoría nacional dos seus respectivos deportes, os dous na modalidade feminina. Un deles é o Asmubal Meaño. Pero, clama a súa presidenta, Silvia Lobato, o Concello de Meaño nin o valora nin tira proveito da circunstancia, sendo que o equipo leva o nome da localidade. «Sentímonos non apoiados» polo goberno que dirixe Carlos Viéitez.

Lobato explica que, unha vez concretado o regreso do Asmubal Meaño á División Honra Prara Feminina de balonmán, en xuño do 2020, tras varias reunións co rexedor, «díxonos que ía estudar a nosa petición dun convenio específico, como o que asinara o Concello a outra vez que estiveramos na categoría, no 2017, cando con Lurdes Ucha de alcaldesa recibiramos 5.000 euros».

Ata setembro tivo que agardar a directiva do club para volver saber de Carlos Viéitez. Entón, di a presidenta do Asmubal, «pediunos nun wasap que rexistraramos no Concello un informe explicativo do noso primeiro equipo feminino», cousa que terían feito o día 15 dese mesmo mes, ofrecéndose nel a converter o cadro de Prata nun embaixador activo de Meaño nas canchas dos seus rivais, repartidas entre catro comunidades autónomas. Catro meses despois «seguimos sen saber nada máis» do asunto, afirma a presidenta.

Lobato quéixase de que pese a que os dous equipos séniores do club son os que militan nas categorías máis altas dos do municipio perciben exactamente as mesmas axudas co resto, e con algún deles «mesmo sen estar a competir».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Asmubal encara a pelexa pola permanencia na segunda volta coa ilusión renovada