«Aughas mortas», o disco dun rapaz de quince anos «que promete moito»

Rosa Estévez
ROSA ESTÉVEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Joel Padín presentou onte un traballo producido polo Concello de Vilagarcía

09 ene 2021 . Actualizado a las 13:40 h.

«Este rapaz promete moito». A frase pronunciouna este venres a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, mirando cara Joel Padín. El ten quince anos, as ideas moi claras, e un disco que acaba de saír do forno entres as mans. Aughas Mortas, que así se titula o traballo, é unha colección de doce pezas de música tradicional. Trece pezas cantadas e bailadas durante anos en todos os puntos de Galicia e que outro vilagarcián, Carlos Rey, recolleu e gardou con agarimo para evitar que caeran no esquecemento. Carlos, que coñeceu a Joel hai uns anos nunha xuntanza de gaiteiros, entendeu que chegara o momento de sacar ese tesouro do seu escondite cando o rapaz lle plantexou traballar xuntos para facer un disco cheo das «máis requintadas, das melodías máis fermosas».

«Díxenlle que si sen pensalo. En dous meses e medio tiñamos todo listo para entrar no estudo de gravación», conta Carlos Rey. Con eles, tres músicos de Vilagarcía, Álvaro Cardalda, Manuel Dopico e Santi Montes. Xuntos fixeron un traballo que promete mil delicias sonoras. Un disco que, como di Xurxo Souto, «volve a situar a Vilagarcía no centro da música galega».

Aughas Mortas é o título do traballo debut de Joel, que xa deslumbrara co seu talento a toda Galicia hai anos, cando gañou un concurso da televisión galega. Foi un primeiro sinal dun talento acompañado dunhas enormes ganas de facer as cousas ben. E da determinación de facelas, tamén, ao seu xeito. Agroma esta decisión na selección do repertorio: «Temas do acervo común que non están asociadas a unha versión canónica». Temas quese poden, e se deben, interpretar libremente.

 

O resultado xa está listo, grazas á colaboración do Concello de Vilagarcía, que se encargou da produción do disco. «É o noso traballo, apoiar o talento local», comentaba Sonia Outón. Ao seu carón, co rostro tapado pola máscara, Joel parecía sorrir cos ollos. Feliz de ter «cumprido o meu soño» de ter un disco propio, o primeiro de moitos. «Levaba moito tempo pensando en facelo», pero non foi ata que deu coa axuda de Carlos Rey que conseguiu darlle corpo ao seu desexo. E aquí está, convertido nun milleiro de copias que comezarán a distribuírse pronto. O 10 % do que se recaude será entregado á Protectora de Animais, unha entidade coa que Joel colabora sempre que pode.

A intención do Concello de Vilagarcía e do propio rapaz era presentar Aughas mortas cun concerto. Non puido ser: o covid desaconsella todo tipo de reunións. Pero os concertos acabarán chegando, seguro. E Joel subirá ao escenario acompañado por músicos como Rubén Fernández, Santiago Fortes, Iván Barreiro, Jonathan Padín e o incombustible Carlos Rei, quen ademais de adicarse a recoller música tradicional, de gardarnos a memoria, é un músico prestixiado e ben coñecido grazas a Os Terribles de Arousa. Mestre e pupilo están a iniciar un camiño ilusionante para todos os que gustan da tradición.