Jéssica Bouzas resolve en 44 minutos o seu debú no cadro individual do Cairo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Academia Tenis Ferrer

A vilagarciá busca hoxe a terceira rolda tamén no dobres

07 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pola vía rápida. Así resolveu na mañá de onte Jéssica Bouzas a súa estrea no cadro individual do W15 Cairo, torneo do circuito profesional ITF co que abre un 2021 no que se estrea como tenista sénior, tras despedir o pasado 31 de decembro a súa etapa Sub-18 como número 63 do mundo na categoría. A vilagarciá derrotou por un dobre 6-0 a xogadora local Farida Sabra, marcador para o que tan só precisou de 44 minutos de partido.

Logo de xogar un encontro en cada unha das dúas primeiras xornadas do torneo, Jéssica Bouzas afronta hoxe xoves dous duelos na procura do seu pase á terceira rolda dos cadros individual e de dobres. No primeiro deles, coa cabeza de serie número 5 do W15 Cairo, a estadounidense Anastasia Nefedova, coma rival. Unha tenista que figura no número 282 do ránking ITF e no 558 do WTA, o gran circuito mundial do tenis feminino profesional. O duelo está fixado a partir das dez da mañá, na pista número 3 do Al-Solaimaneyah Tennis Center da capital de Exipto.

Para non antes da unha e media da tarde aparece o segundo partido de dobres de Bouzas no Cairo. Logo de vencer o martes 7-5 e 6-2 a estadounidense Anna Borovinskaya e a exipcia Yasmin Ezzat, a vilagarciá volve unir esforzos coa norteamericana Emma Davis para avanzar no torneo a costa da parella cabeza de serie número 2. A formada pola húngara Vanda Lukacs e pola eslovaca Chantal Skamlova. A cita, na pista número 8 do complexo de tenis cariota.

Jéssica Bouzas busca comezar a escalar nos dous ránkings mundiais, tras abrir o 2021 como número 513 do ITF e no 855 do WTA.