Marta Giráldez: «A mellora do transporte comarcal é un reto que temos que abordar»

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

A presidenta da Mancomunidade do Salnés apela ao diálogo e ao consenso por riba de cores políticas. Sobre o estado de contas da entidade: «Todos os concellos cumpriron, ou ben pagaron ou presentaron o plan de pagos en prazo, Vilanova tamén»

03 ene 2021 . Actualizado a las 10:41 h.

O que vén de rematar foi un ano no que se consolidou o cambio na Mancomunidade do Salnés. As eleccións de 2019 deixaron un panorama político que trocou o reparto de forzas, poñendo por primeira vez na historia a unha muller e socialista á fronte da unión de municipios. A elixida foi a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, que ten dous anos e medio por diante para completar o seu proxecto, un proxecto, di, que quere sacar adiante con consenso, aínda que o alcalde de Vilanova e ex presidente da mancomunidade, Gonzalo Durán, non llo está poñendo fácil. Pero o máis complicado do 2020 foi, sen dúbida, o covid-19.

-Co escenario que deixa a pandemia, cales son as expectativas para o ano que empeza?

-Desde logo foi un ano complicado, pero demostramos que, pese a todo, conseguimos sacar adiante os proxectos que tiñamos enriba da mesa e outros novos.

-Que proxectos?

-Estou falando, por exemplo, do Salnés Click -unha plataforma de compra-venda virtual aberta a todo o comercio e hostalería do Salnés-, que esperamos que estea en funcionamento no primeiro trimestre deste ano. En materia de turismo, presentamos o Navega o Camiño pensando no ano santo e estamos a colocar a nova sinalización da Variante Espiritual. Tamén asinamos un convenio coa mancomunidade de Arousa Norte, puxemos en marcha un obradoiro de márketing turístico con 16 alumnos e temos a escola de hostalería que encárgase da montaxe de pratos tradicionaiss para promocionar o turismo gastronómico.

-Di o seu antecesor no cargo [Gonzalo Durán] que a mancomunidade renunciou á súa propia política turística en favor da Deputación de Pontevedra...

-En absoluto, o único que houbo foi un contacto coa presidenta. O que non ten sentido e deseñar a política turística sen a coordinación e relación institucional coa Deputación ou coa Xunta, dáme igual, e asinaremos proxectos con outros concellos. Eu entendo a política como un entendemento, independentemente de cores políticas. Os veciños non se merecen un clima de confrontación.

-Froito dese entendemento é a política en material laboral que desenvolve a mancomunidade desde hai anos. Un exemplo é a nova edición, e van doce, do obradoiro de hostalería que se presentou esta semana e o plan integrado de emprego. Que vai deparar o 2021 neste eido?

-Temos que buscar a excelencia e neste obxectivo é fundamental a comunicación cos empresarios para informarlles da existencia desta escola e das ofertas formativas. Hai que dicir que os alumnos da escola xa teñen ofertas cando aínda se están formando, e no programa integrado de emprego acadouse un 90 % de inserción laboral. E hai que lembrar que o ano pasado asinamos convenios de colaboración con empresas do sector eólico e do viño para que os alumnos se formaran e con moi bos resultados.

-Esquerda Unida do Grove quere que se recupere a escola de hostalería para o seu municipio. Será posible?

-Este ano non porque xa temos o convenio asinado con Sanxenxo. As instalacións (club náutico) están moi ben acondicionadas e cun aluguer a moi bo prezo.

-Falemos de obras. Hai dúas pendentes desde hai anos, como son a ampliación do depósito de auga de Vilanova e a instalación dunha nova tubaxe de subministro ao O Grove. Algo novo?

-Todo igual que o ano pasado. Hai dous ou tres meses tivemos unha reunión coa conselleira na que se nos dixo que ía mandarnos un anteproxecto da tubaxe do Grove, pero a mancomunidade non recibiu absolutamente nada. E da ampliación dos depósitos da auga e doutras obras de saneamento para Ribadumia e Cambados tampouco hai noticias.

-O que si se fará este ano, ou polo menos empezaranse os traballos, é a colocación do novo colector entre Vilanova e Cambados para mellorar o sistema de depuración da EDAR de Tragove e a senda peonil paralela a este tramo de litoral. Segue a mancomunidade negándose a participar no proxecto?

-Como xa dixen no seu día, a mancomunidade non vai levar a cabo a expropiación dos terreos para esta obra porque non se nos requiriu para elo desde a Xunta [que financia as obras]. Cambados xa está traballando para facerse cos terreos necesarios e descoñecemos que vai facer Vilanova.

-En Vilanova din que se non o fai a mancomunidade, asumirán as xestións e gastos necesarios, aínda que iso supoña abrir unha fenda sen precedentes na unión comarcal. Hai ese perigo?

-Vouno dicir con toda cautela porque na última comisión executiva comprometinme cos alcaldes a que non ía entrar nese tipo de disputas que, ao final, só fan crispar o ambiente, cando entre os demais alcaldes temos todos unha moi boa relación. Non, este asunto non vai abrir ningunha fenda. A mancomunidade nunca levou a cabo un proxecto para un só concello. Repito, Cambados xa deixou claro que ía asumir a súa parte e Vilanova nin sequera tomou posesión na mancomunidade. Cada un ten a súa estratexia política.

«Todos os concellos ou ben pagaron ou presentaron plan de pagos»

Con Durán tamén houbo os seus máis e os seus menos a conta da débeda. Despedimos o 2020 cos concellos debendo máis dun millón de euros, dos cales case a metade corresponden a Vilanova.

-Como afronta o 2021 respecto das contas?

-Todos os concellos cumpriron, ou ben pagaron ou presentaron o plan de pagos en prazo, Vilanova tamén.

-Un dos piares da mancomunidade é a prestación de servizos, ata o punto de conseguir dispor dun parque de maquinaria para conservación e limpeza de camiños que é a envexa de moitos concellos. Ampliarase este ano?

-Vaise seguir prestando como ata agora, o que si fixemos logo do confinamento foi desdobrar o servizo de limpeza de cunetas en dous equipos, o cal funcionou moi ben. Gustaríame destacar que este ano creamos o servizo de orientación laboral para Meis, A Illa e Ribadumia, que en tres meses atendeu 195 consultas, e por suposto seguiu funcionando o Centro de Información á Muller (CIM), que dá servizo a Cambados, Ribadumia, Vilanova e Meis, polo cal apostamos.

-Esta mesma semana, o vicepresidente Carlos Iglesias anunciou a posta en marcha dun servizo de control de vertidos. Algunha outra sorpresa a curto prazo?

-En canto o tempo o permita imos presentar como funcionan as instalacións fotovoltaicas que se colocaron nos depósitos da estación de tratamento de auga potable do Salnés (Tremoedo-Vilanova) co que se vai conseguir un gran aforro no consumo eléctrico; ademais estase executando o proxecto do IGADE para optimizar a planta de bombeo e a colocación dun sistema de autofiltrado de auga que collemos do Umia e monitorizamos os depósitos de cola da comarca. A nosa aposta é reducir a pegada de carbono.

-Non é unha competencia da mancomunidade, pero da situación da Sanidade tamén se falou nalgunha ocasión na entidade. Vostede xa manifestou o seu apoio á convocatoria dunha manifestación de índole comarcal para pedir un cambio de política da Xunta de Galicia. Esta convocatoria segue en pé?

-Facendo unha mobilización comarcal fariamos máis ruído, e eu, como alcaldesa de Meis, estarei alí, na defensa dos intereses dos meus veciños.

-E da tan esperada solución para o deficiente transporte público no Salnés, que me pode dicir?

-Temos enriba da mesa a posibilidade de facer un estudo do transporte na comarca e é certo que estivemos mirando algún orzamento para facer unha proposta conxunta. É un reto que temos para os vindeiros anos.

A mancomunidade en datos

Integrantes

Vilagarcía, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Vilanova, Meis, Ribadumia, Meaño e A Illa

Orzamentos

O documento aprobado no pleno de decembro fixa una cantidade de 4,3 millóns de euros

Servizos

Desde os básicos como subministro de auga e saneamento ata de tipo social como un centro de información á mulller ou unha oficina de orientación laboral. A mancomunidade tamén puxo en marcha moitos proxectos turísticos e ten parque de maquinaria propio