Vilagarcía albergará as semanas olímpica e da vela de Galicia

O C.G.V. do Cavadelo será tamén este ano o centro neurálxico das copas de España de ORC e de 470


vilagarcía / la voz

A Real Federación Galega de Vela aprobaba o pasado mércores, 30 de decembro, o seu calendario de grandes eventos para o ano que vén de arrincar. Un calendario que nace coa intención de sacarlle o máximo proveito ao Centro Galego de Vela, no Cavadelo, Vilagarcía.

Supeditado sempre á evolución da situación sanitaria, subliñan desde a RFGV, a capital arousá contará neste 2021 con dúas grandes citas. A Semana Galega da Vela e as Copas de España das clases ORC -cruceiros de Solitarios e A Dous- e 470; esta última, redondeada coa organización en paralelo dunha Semana Olímpica de Galicia.

A primeira gran cita, a Semana Galega da Vela, disputaráse do 25 ao 27 de xuño na ría de Arousa, concentrando en tres días, venres, sábado e domingo, a Copa Galicia dunha ducia de clases: Vaurien, Snipe, 420, 470, Láser Standard, Láser 4.7, Láser Radial, Optimist, Fórmula Foil, Fórmula Windsurf, Techno 293 e Raceboard, ademais dunha proba de Radio Control.

Na ponte do Pilar do 12 de outubro o Centro Galego de Vela será o escenario das Copas de España de ORC e de 470, pero tamén da novidosa Semana Olímpica de Galicia, que do 8 ao 12 de outubro contará con competicións doutra media ducia de clases: a preolímpica 420, a 470, a Láser Radial, a IQ Foil, os espectaculares e voadores Waspz e os cruceiros. Nas copas de España poránse en xogo os títulos de Solitarios e A Dous e na de 470 os das categorías masculina, feminina e mixta.

Con este programa desde a Real Federación Galega de Vela quérese recuperar o terreo perdido nun 2020 no que o C.G.V. tan só puido organizar o Campionato de España de 49er e 49er FX, o pasado mes de outubro, coa pandemia obrigando á suspensión da Semana Galega da Vela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Vilagarcía albergará as semanas olímpica e da vela de Galicia