O Vilalonga recúa e inscríbese na Liga xunto ao Umia e ao Juventud

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O subgrupo arousán queda con só 5 dos 8 equipos co que fora deseñado

02 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Federación Galega de Fútbol informou onte das listaxes de equipos que decidiron inscribirse nas ligas baixo a súa organización que pretende comezar a poñer en marcha nos primeiros compases do recén estreado 2021. Empezando pola Preferente Galicia. Pechado o prazo a media tarde do 31 de decembro, fronte ao pleno da zona norte -provincias da Coruña e de Lugo-, na sur houbo cinco renuncias entre os 23 equipos con dereitos federativos na categoría. Ás do Moaña e Guardés sumáronse as dun Céltiga, Xuventude Sanxenxo e Portonovo xa anunciadas con anterioridade polas súas directivas. Nomes xunto ao que se daba por suposto aparecería o do Vilalonga, pero finalmente o club sanxenxino optou por seguir o camiño do Umia e do Juventud Cambados, e anotarse nunha competición na que o seu subgrupo na primeira fase do campionato perde a 3 dos seus 8 integrantes previstos, completado nestes momentos polo Pontevedra B e mais polo C.D. Beluso.

A xunta directiva do Vilalonga anunciaba o pasado 22 de decembro que decidía «por unanimidade non inscribir a ningún dos equipos deste club para a tempada 2020/21. Dita decisión, tras moitas conversas e reflexións, tomouse dende o punto de vista da responsabilidade e do sentido común», explicaba entón o equipo xestor da entidade celeste, engadindo que «neste complicado momento a nivel sanitario, social e económico pensamos que o primordial é garantir a saúde de todos os membros do club así como de todas as persoas que conforman a sociedade do noso pobo. Non podemos ser partícipes da irresponsabilidade que suporía reanudar as competicións co protocolo proposto pola Federación Galega de nula viabilidade para calquera equipo modesto como o noso». Esta semana, nunha nova xuntanza, a directiva do Vilalonga cambiou de criterio decidindo inscribir o seu primeiro equipo na Liga de Preferente Galicia.

Así as cousas, queda por ver como resolverá a Federación a perda de 3 dos 8 equipos do subgrupo do Salnés. Se refundindo os tres actuais da zona sur en dous de 9 conxuntos, ou ben reasignando algún equipo dos outros dous subgrupos ao do Umia, Vilalonga e Juventud Cambados.

Claro que, ata o momento no que se proceda ao sorteo dunha Liga coa primeira xornada prevista para o domingo 24 de xaneiro, inda cabe a posibilidade de que o Juventud renuncie, asumindo o descenso á Primeira Galicia que leva aparellada a posición do Céltiga, do X. Sanxenxo e do Portonovo, movidos polos mesmos argumentos que unha semana atrás defendía o Vilalonga. E é que a directiva do club cambadés adiantou que deixará en mans dos seus socios e xogadores se saír finalmente ou non a competir. No caso dos primeiros, chamados na mañá de mañá domingo a unha asemblea no Pavillón do Pombal.

O Chispa e todos os conxuntos base do Salnés nas máximas categorías galegas tamén se apuntan

O día 31 remataba o prazo para que os equipos con dereitos federativos se incribisen na Liga de Preferente. Pero tamén para os que pecharon a tempada anterior con praza na presente nas máximas categorías galegas sénior feminina e infantil, cadete e xuvenil masculinas. E nestas últimas todos os equipos arousáns implicados deron o si a iniciar a competición.

Falamos da S.D. Chispa nunha Primeira Galega Feminina con 18 dos 19 equipos con dereitos federativos inscritos en tempo e forma. O C.D. Ribadumia apuntouse no campionato da Liga Galega Xuvenil e na Cadete, o Arousa no da División de Honra Cadete e no da Liga Galega Infantil, a E.D. Arousa na Liga Galega Cadete e Infantil e o Juventud Cambados nesta última. Só a Liga Galega Xuvenil e a Cadete quedaron sen completar, se ben só cunha vacante cada unha.