Deste triste tempo de loita en Nadal

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

27 dic 2020 . Actualizado a las 11:37 h.

Aínda que o invicto coronavirus non distingue o noso xeito de medir o tempo, vaise o 2020, o primeiro ano del e diolo vexa ir. Para a nosa mentalidade de mundo invulnerable, este ano de morte e medo fíxonos ver como un xigante con pés de barro que se esboroa por menos de nada. Como breve parte desta anualidade, querería facer fincapé nalgúns feitos: o exceso de confianza dos servizos de control de epidemias e a falla na provisión de medios; a inseguridade normativa; a ruína do pequeno comerciante; a inmediatez informativa da pandemia e o abandono e espanto nas que se denominan, eufemisticamente, residencias.

Desde finais do 2019, víñase escoitando que alá nunha cidade chinesa xurdira un virus invasor nun mercado de animais, e pareceunos unha nova de mundos afastados, remotos. Os servizos epidemiolóxicos contárono como se recreasen unha novela colonial de Kipling ou describisen calquera pintura exótica de Delacroix. A cousa empezou a ir connosco, cando, de súpeto, soubemos que a pezoña ía ocupando Europa e que as autoridades, en ningures, non tiñan previstos parapetos nin fixeran provisión de armaduras defensivas. En España, pola idus de marzo, o Goberno central, desconcertado, cos medios de comunicación a lanzar datos ao minuto e a contar avances imparables da pandemia, botou man de ordes para atrincheirarse fronte a peste, de eficacia e fundamento legal dubidosos.

Nesas, os sanitarios botáronse á batalla como tropa de vangarda, sen capitán, sen escudos e sen armas, convencidos de que tiñamos un sistema sanitario invencible. Como carne de canón, caeron demasiados no fragor do lume a discreción que lanzou o virus, sen que as cancións e palmas desde a retagarda dos balcóns, que parecían amosar a comprensión con eles, evitasen sequera que algúns fosen rexeitados por poderen contaxiar nos seus propios edificios. Os aplausos dados foron un placebo colectivo para fuxir da incerteza e reflectían a necesidade de aferrármonos a alguén que nos librase daquela praga, como un ritual para rezar a un santo, remedio histórico contra as pestes.

Gañemos a guerra

As ordes de peche dos pequenos negocios impuxéronse á toa, aleatorias, sen probas coñecidas de que neles xurdisen focos de infección. Esa clausura, e logo a da hostalería, non impediu que a peste seguise avanzando. E durante esta pandemia, por primeira vez na Historia, cadaquén recibiu con avidez informes a través dos medios de comunicación, coñecendo o número de infestados e caídos a cada segundo. E, por iso, destapouse que, en xeral, o mundo das residencias de anciáns é unha rede de prisións, de campos de exterminio, nos que non rexe a lei. Os maiores quedaron presos, sen respecto polos dereitos e liberdades de seu. Morreron a miles, recluídos, abandonados, excluídos da sanidade, da liberdade ambulatoria, da familia. Un tristísimo final para aqueles que conseguiron o que chamamos Estado de Benestar. Foi un crime, diga o que diga a Xustiza. Vén aí o 2021 sen que o virus saiba que nestas datas temos que engadir ao costume de abrigar esperanzas, ter ilusións e desexármonos feliz aninovo, outro anhelo: gañemos a guerra.