O alcalde que nunca fallaba no verán e soubo como urbanizar Vilanova

Benito leiro VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A faciana urbanística foi un dos legados deste home afable

27 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As futuras xeracións lembrarán a Agustín García Sabor, falecido en Pontevedra en pleno Nadal, como o alcalde que principiou a moderna configuración urbanística de Vilanova. Nos anos sesenta, a vila de Valle-Inclán era unha rúa principal, a avenida González Besada, na que confluían infinidade de camiños e rueiros. A partir da toma de posesión de García Sabor (abril de 1967) abríronse novas rúas con beirarrúas, como é o caso das denominadas Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Juan Carlos I; iniciáronse as obras dos novos colexios públicos de Vilanova e Corón-Caleiro, entre outros, e comezou a construírse o novo mercado de abastos (trala demolición do antigo, situado na actual praza Domínguez del Valle).

Como xestor de servizos públicos, hai unha obra crucial que comezou baixo o seu mandato: o abastecemento de augas, que se prolongou durante anos e foise estendendo posteriormente ás parroquias. Deixando á marxe a súa tarefa como alcalde, persoalmente, interésame lembrar a achega de Don Agustín á memoria dos irmáns Camba que el consideraba inxustamente esquecidos. Nas entrevistas que mantiven con el nos últimos veráns, recordoume os seus contactos con Julio Camba nos tempos da guerra civil. «Cuando yo tenía 14 o 15 años, don Julio sabía que yo iba todos los días a Vilagarcía en bicicleta, donde asistía a clases en el colegio Sagrada Familia -de las Filipenses-. Al menos una vez a la semana me encargaba que le trajera un tabaco inglés que le encantaba y que vendían en la zona de la Marina (lo traían en barcos mercantes)». 

A súa casa na rúa Cruceiro

Don Agustín conservaba na súa casa da rúa Cruceiro, xusto detrás do Concello, unha caixa daquel tabaco que tanto agradaba ao periodista de Vilamaior, xunto con recortes de artigos e revistas co selo da factoría Camba. Os preciosos testemuños do exalcalde, así como os de Dorita Martínez, as irmáns Pombo, Ventura Portas, Francisco Lafuente, Ita Ozores ou Felisa Pouso, forman parte da biografía íntima de Camba que algún día verá a luz como homenaxe á Vilanova dos tempos idos.

A Don Agustín ímolo botar de menos, sobre todo porque formaba parte da paisanaxe urbana do veraneo vilanovés. Home afable e extravertido, serio, cerimonioso e simpático nas distancias curtas, practicante do humor vilanovés. Era un ameno guía turístico que, apoiado no inseparable bastón, recoñecía os currunchos máis íntimos da súa querida vila. Saía todos os días a contemplar o ambiente, a percorrer a ruta dos viños e a departir amigable cos amigos e seareiros que se achegaban á xuntanza. Don Agustín foi un alcalde senlleiro, que deixou fonda pegada no municipio, pero foi, sobre todo, un namorado da Vilanova do Século XX que el contribuíu a modernizar.