A campaña de Nadal de Emgrobes distribuíu xa novecentos vales

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O atractivo da campaña reside no amplo abano de premios que se sortearán entre os veciños que fan as súas compras nos establecementos do comercio local

24 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os empresarios de O Grove, englobados na asociación Emgrobes e no centro comercial aberto, proseguen a moi bo ritmo a principal campaña comercial do ano, a do Nadal, marcada este ano pola ameaza do coronavirus. Aínda restan dúas semanas de traballo, pero xa se pode dicir que a entrega de vales para compra entre os seus clientes constitúe todo un éxito, posto que foron distribuídos xa novecentos boletos. «A asociación está moi satisfeita, sabendo que é unha situación complexa, especialmente neste ano de pandemia no que toda axuda é pouca», indican os voceiros do colectivo meco.

O atractivo da campaña reside no amplo abano de premios que se sortearán entre os veciños que fan as súas compras nos establecementos do comercio local. O reparto dos vales continuará ata o 6 de xaneiro, o día de Reis. Haberá un premio de trescentos euros para mercar no centro comercial aberto De Tendas, dous premios de douscentos euros e sete premios de cen euros. Ademais, o Consorcio de Comercio do Salnés sorteará outro premio, de 1.100 euros, en vales de compra entre todos os clientes que merquen no pequeno comercio.

Do mesmo xeito, Emgrobes anima os nenos da vila a que entreguen as súas cartas a Papá Noel, apurando os últimos días, xa que o sorteo dos quince lotes de material escolar que están preparados levarase a cabo o martes que vén, cando as misivas serán recollidas nos diferentes establecementos que participan nesta campaña infantil. Neste senso, a melloría do tempo está permitindo a tradicional visita de Santa Claus a todos os negocios do centro comercial aberto, paseando polas rúas co seu célebre traxe que, nesta ocasión, tamén inclúe luvas e máscara.

Os responsables de Emgrobes explican que con este esforzo especial queren procurar «que a ilusión do Nadal non se perda a pesar da pandemia e facer fincapé na importancia de investir no comercio da vila, e a necesidade de apoio que precisan os comerciantes locais», un sector que traballa sempre con seguridade.