María José Rodríguez e a ilustración

AROUSA

Martina Miser

A artista vilagarciá gaña o premio Pura e Dora Vázquez polas súas imaxes para un relato infantil

12 dic 2020 . Actualizado a las 11:53 h.

Licenciada en Pedagoxía, a vilagarciá María José Rodríguez engarza a súa profesión cunha intensa faceta artística, que vén de ser recoñecida co premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na súa modalidade de ilustración. Os seus traballos foron escollidos polo xurado para dar imaxe ao libro «Adrán e a fábrica de xeo», de Begoña Graña, que foi quen, precisamente, acadou o galardón na súa categoría de narrativa.

O certame, que cada ano convoca a Deputación de Ourense, dota este premio con 1.500 euros, ademais da publicación da obra. O xurado, formado pola deputada de Cultura ourensá Patricia Torres, a secretaria Ana Malingre e os vogais José Manuel Fernández, Rosa María Nóvoa, Isabel Mociño, Xoán Xosé Rodríguez e Luís Gulín, subliña que «as imaxes dan moitísima información, teñen forza e expresividade, cun interesante tratamento da cor». Ademais dos «valores expresivos que poden impactar moito ao lector novo».

Rodríguez ten unha longa traxectoria no mundo da ilustración, con máis dunha ducia de exposicións individuais e colectivas e cinco primeiros premios no deseño de carteis para diferentes eventos. Un labor que compaxina co seu traballo como profesora de debuxo, plástica e modelado.

A propia creadora arousá destaca que o fondo contido pedagóxico do relato supuxo un aliciente máis á hora de abordar o seu plasmado en imaxes: «É un texto moi pedagóxico, que me chamou a atención dende o primeiro intre. Explica moi ben o ciclo da auga, cos experimentos que unha avoa que fora profesora desenvolve co seu neto e os seus amigos». Benvida sexa a fermosa fábrica de xeo.